Unha operación conxunta das policías Local e Nacional de Pontevedra permitiu desmantelar un importante foco de venda de sustancias estupefacientes nun negocio de hostalaría da zona da Seca.
A operación, bautizada Ola, comezou en agosto e supuxo intervir un quilo de heroína, o segundo maior alixo desta sustancia este ano en Pontevedra.
A orixe da investigación policial foron unha serie de informacións cidadás que relataron que o encargado dun bar da cidade dedicábase á venda e distribución de cocaína e heroína.
Os grupos UDYCO da Policía Nacional e SAI da Policía Local, ambos os dous especializados na loita contra a droga, empezaron a colaboraron e comprobaron que esa información era verdade e existía un narcobar na Seca.
Os axentes comprobaron que ao local acudía un gran número de persoas que entraban e saían sen consumir nada e concluíron que acudían para adquirir as sustancias estupefacientes.
Tamén determinaron que o encargado do bar ocultaba, almacenaba e elaboraba sustancias estupefacientes nun almacén nos arredores da cidade e logo distribuíaas no bar.
O pasado 13 de novembro, estableceron un operativo conxunto no que este sospeitoso foi detido e realizaron dous rexistros.
Durante os rexistros interviñeron un quilo de heroína e corte de heroína, 200 gramos de cocaína, 75 gramos de haxix, básculas de precisión, diñeiro en efectivo e diversos efectos para cortar, manipular e envasar as sustancias.
Os policías concluíron que con esas sustancias intervidas poderían terse elaborado máis de 11.900 doses para a súa venda polo miúdo.
O detido foi posto a disposición xudicial, que determinou o seu ingreso en prisión.