Desmantelan unha estafa piramidal mediante o "Esquema Ponzi" que captaba investidores en Pontevedra

Pontevedra
04 de xaneiro 2025
Actualizado: 18:38

Hai cinco persoas implicadas que están a ser investigadas por presuntos delitos de estafa, branqueo de capitais e pertenza a grupo criminal.

Investigadores de delitos telemáticos da Garda Civil
Investigadores de delitos telemáticos da Garda Civil /

A Garda Civil desarticulou un grupo criminal responsable dunha estafa piramidal de varios millóns de euros.

No marco da 'Operación Demara', dirixida polo Xulgado de Instrución número 2 de Santiago, detívose a unha persoa e investíganse a outras catro implicadas na captación de investidores nas provincias da Coruña e Pontevedra.

O cinco implicados están a ser investigados por presuntos delitos de estafa, branqueo de capitais e pertenza a grupo criminal.

Ademais, as autoridades continúan coa operación para esclarecer o destino das grandes sumas de diñeiro e desmantelar completamente a rede.

Segundo fontes oficiais do Instituto Armado, a investigación iniciouse por mor da denuncia interposta en xaneiro de 2022 polos administradores dunha empresa que aseguraban que unha persoa que traballa para eles fuxira a Italia cunha suma moi elevada de diñeiro procedente dunha estafa que realizara a numerosas persoas da comarca de Santiago utilizando a cobertura da empresa que eles administraban, a cal se dedicaba ao sector médico estético.

A Garda Civil constatou a existencia da estafa denunciada e tamén o seu modus operandi, coñecido como "Esquema Ponzi".

Trátase dunha fraude piramidal no que se capta investidores aos que se lles promete uns elevados beneficios a curto prazo.

Os investidores entregaban grandes sumas de diñeiro, superiores aos 300.000 euros nalgún caso, sen saber que o seu capital non era investido, senón que se redistribuía entre os estafadores salvo unha pequena cantidade que se dedica a pagar as supostas ganancias aos investidores máis antigos, entre un dez e un vinte por cento do capital achegado, o que fomentaba aínda máis a confianza no sistema e facilitaba a captación de novos investidores a cambio de comisións.

A maioría dos investimentos eran realizados en metálico, o que dificultaba a acreditación da legal procedencia dos fondos entregados. Con esta táctica, o grupo logrou obter sumas millonarias, aínda que o diñeiro nunca viu un investimento real.