O particular que presentara un recurso contra o cambio de denominación da avenida Juan Carlos I polo nome de Virxinia Pereira desistiu na súa pretensión de manter o monarca emérito no rueiro da cidade, segundo informaba este luns Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra.
A concelleira indicou que o particular, unha vez revisada a totalidade do expediente facilitado polo Concello de Pontevedra, entende que "non hai problema administrativo" e desiste de continuar co recurso.
Ante esta decisión, o cambio de nome para esta rúa é xa definitivo ao non existir posibilidade de que se presente unha nova apelación a este procedemento. O recurso xa fora desestimado no pleno do mes de abril no que se aprobou a nova denominación, Virxinia Pereira Renda. Agora o grupo de goberno dará conta no pleno deste desestimiento do particular para completar os trámites.
Anabel Gulías afirmaba que "Pontevedra ten a honra de ser a primeira cidade de quitar o Borbón do rueiro para poñer o nome dunha muller emblemática como Virxinia Pereira" e lembraba que "malia que algúns malos agoiros dicían que teríamos que botar atrás unha decisión deste calibre, vai ser que non". O 23 de abril, representantes do goberno local, co alcalde á fronte, acudían á instalación da placa co novo nome desta rúa na que se atopa o Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga.