O desexo de Mosquera este Nadal: que os pontevedreses fagan "un agasallo ao planeta separando os residuos"

Pontevedra
20 de decembro 2024
Actualizado: 22:08

"É un moi pequeno esforzo, pero é un agasallo que o planeta vai agradecer", sinalou o edil, que deu a coñecer que se desestimou unha alegación presentada á ordenanza municipal de residuos

César Mosquera, concelleiro de Obras
César Mosquera, concelleiro de Obras / Mónica Patxot

O concelleiro César Mosquera trasladou este venres unha petición moi especial que quere que chegue á cidadanía de Pontevedra durante este Nadal. 

Pide a toda a poboación que aproveite estas datas nas que todas as familias, persoas e negocios teñen como hábito facer agasallos para facer "un agasallo ao planeta separando os residuos que se xeren".

"É un moi pequeno esforzo, pero é un agasallo que o planeta vai agradecer", sinalou Mosquera durante unha comparecencia ante os medios de comunicación. 

Considera que sería "un moi bo xesto e mesmo unha boa promesa" de cara ao novo ano 2025, pois separando os residuos "estariamos colaborando para que o planeta fora máis san e tivera unha vida mellor".

A comparecencia de Mosquera foi para dar a coñecer que a Comisión de Mobilidade do Concello de Pontevedra ditaminou desestimar a alegación presentada por Ecovidrio á ordenanza de xestión de residuos de Pontevedra. 

A ordenanza tivo unha aprobación inicial no pleno do pasado mes de setembro e agora a Comisión estudou unha alegación que finalmente se desestima porque "as peticións que fai xa están contempladas" e porque suporía "adicar moito espazo á fracción vidro en detrimento das outras".

Segundo deu a coñecer Mosquera, os grupos municipais do BNG e do PSOE votaron a favor e o PP abstívose "sen dar ningunha razón".

Agora, esta alegación irá de novo a pleno o vindeiro luns 23, logo haberá que comunicar a resolución a Ecovidrio, entidade que a presentou, e abrir un prazo de 20 días para calquera comunicación antes da entrada en vigor.