Desestiman o recurso de Termas de Cuntis pola leira da piscina municipal

Umia
22 de xuño 2016

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de desestimar o recurso interposto por Termas de Cuntis no que reclamaba a devolución da leira de Budeón, onde se atopan as piscinas municipais, e a Horta Reitoral, en poder do Concello desde a firma do Convenio Termal de 1994

Termas de Cuntis
Termas de Cuntis

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de desestimar o recurso interposto por Termas de Cuntis no que reclamaba a devolución da leira de Budeón, onde se atopan as piscinas municipais, e a Horta Reitoral, en poder do Concello desde a firma do Convenio Termal de 1994. 

Na súa sentenza o alto tribunal galego sostén que "non se aprecia base" para a estimación do recurso de apelación.

Isto significa que haberá que continuar co desenvolvemento urbanístico do SAU-4. 

A sociedade que xestiona o histórico balneario do municipio presentara un recurso de apelación contra a sentenza ditada hai dous meses polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra que obriga á administración local a cumprir a permuta que contempla o acordo que asinaron no seu día as dúas partes implicadas. É dicir, que o Concello aprobe o desenvolvemento urbanístico necesario para poder trasladar a infraestrutura municipal de Budeón a unha leira rústica en Castrolandín, nos arredores do centro urbano. 

O xulgado advertía ao alcalde de Cuntis, Manuel Campos que se non iniciaba os trámites deste desenvolvemento urbanístico sería multado con 600 euros, como finalmente ocorreu.

O fallo xudicial do TSXG é firme e contra el non cabe recurso.