Deseñan un plan de tráfico para que Pontevedra funcione "coa maior mobilidade posible" no Nadal

Pontevedra
10 de decembro 2019

O incremento "considerable" de visitantes que, segundo o goberno municipal, haberá durante o Nadal levou á Policía Local de Pontevedra a deseñar, como cada ano por estas datas, un plan de tráfico pensado para que se poida circular pola cidade "con seguridade" e para que todos gocen destas festas "en toda a súa magnitude"

Patrulla da Policía Local de Pontevedra
Patrulla da Policía Local de Pontevedra / Mónica Patxot

O incremento "considerable" de visitantes que, segundo o goberno municipal, haberá durante o Nadal levou á Policía Local de Pontevedra a deseñar, como cada ano por estas datas, un plan de tráfico pensado para que se poida circular pola cidade "con seguridade" e para que todos gocen destas festas "en toda a súa magnitude".

Así o destacou a edil de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, que avanzou que este operativo especial estará activo entre os días 21 de decembro e 6 de xaneiro. O obxectivo é, segundo engadiu, que haxa unha mobilidade "fluída" e que se faciliten "na medida do posible" as entradas e saídas á cidade de Pontevedra.

Haberá tres áreas con atención "preferente". Unha delas será o centro da cidade, a zona na que se espera unha afluencia "masiva" de persoas e na que, segundo lembrou Vilaverde, xa teñen preferencia os peóns coa implantación da 'zona 10'.

Para o éxito deste plan de tráfico, sinalou a concelleira do BNG, será "fundamental" o bo funcionamento dos dous 'aneis' que se deseñaron e nos que a Policía Local traballará, a través da sala de control de tráfico e con axentes nas rúas, para que a circulación sexa "constante" e se eviten as aglomeracións.

Un destes 'aneis' está formado polas rúas que dan acceso á zona centro da cidade: José Malvar, Doce de novembro, Eduardo Pondal, Raíña Vitoria, Manuel del Palacio, Corbaceiras, Uruguai e Bos Aires. Nelas tentarase que a circulación "non se pare nunca", explicou Eva Vilaverde.

A rolda "secundaria" pretende ser unha especie de circunvalación da cidade, de forma que as entradas e saídas de Pontevedra se fagan con maior facilidade. Nela intégrase o tramo urbano da autoestrada AP-9 que está libre de peaxe, o nó do Pino ou os barrios da Parda e Monte Porreiro.

Ademais desta delimitación territorial, a Policía Local fará cortes "puntuais" nas zonas de que sexan "máis susceptibles" de aglomeracións para evitar "bloqueos" que afecten a toda a cidade, entre elas, a ponte das Correntes, a praza de Barcelos, Alameda e Echegaray, o cruzamento de Eduardo Pondal con Uxío Nonoveyra ou as inmediacións da estación de tren.

Os aparcamentos de pago manterán tamén un contacto "permanente" coa Policía Local e avisarán cando estean completos para evitar que cheguen máis coches ás súas inmediacións e recomendarase usar os estacionamentos disuasorios.

Toda esta campaña irá acompañada de información á cidadanía, para que este plan chegue ao maior número de cidadáns e de sinalización por toda a cidade coas medidas específicas e os itinerarios alternativos que se suxiren.