Un modelo de resalto, ou "lombo" como se lle denomina popularmente, capaz de aproveitar a enerxía dos vehículos por estrada para xerar electricidade alzouse como gañador da IX edición de HackForGood de Telefónica, no que competiron 12 equipos de estudantes da Universidade de Vigo.
A idea gañadora é do equipo BACH-E. O segundo e terceiro premio recaeron en Soil4Good, unha web app para mellorar a sustentabilidade e produtividade dos cultivos agrícolas, e Neuro-Bridge, un dispositivo neuronal para a recuperación de persoas con mobilidade.
Os tres equipos, que foron galardoados cun premio de 1.000, 600 e 400 euros, respectivamente, disputarán agora a fase nacional na que competirán xunto aos tres mellores proxectos elixidos en cada certame local, celebrados simultaneamente en 16 cidades de toda España e nas que participaron un total de 25 universidades.
Os creadores de BACH-E son Enric Fernández, Juan Ramón Rodríguez, Álvaro Piñeiro, Tomás Marchena, Pablo Rodríguez e Serafín Fernández, cinco deles estudantes do grao en Enxeñería Eléctrica e un de Comunicación Audiovisual.
A proposta de BACH-E destacou polo novo uso que achega aos badenes viarios e que expón un novo método de desenvolvemento de enerxía sostible e ata o de agora non aproveitada, que podería ser de gran utilidade en contornas rurais ou con escasa iluminación.
Conségueo a través dun sistema mecánico que é capaz de xerar rotación, grazas ao peso do vehículo, e transmitila a un xerador eléctrico para producir enerxía.
Segundo as súas estimacións, só coa implantación desta innovadora solución en catro puntos das vías con máis densidade de tráfico de Vigo os resultados obtidos demostran que "cun total de 20 lombos obteríase ao ano a enerxía suficiente para alimentar 170 luminarias led durante ese período de tempo".