O Concello de Soutomaior vén de presentar un mapa con todos os establecementos do comercio local.
O documento estará dispoñible en formato físico na Oficina de Turismo municipal e en formato dixital na páxina web do concello.
Ten por obxectivo que as persoas que visiten Soutomaior coñezan as diferentes opcións para consumir en establecementos locais e que iso repercuta positivamente nos negocios.
O goberno local quere sacar o máximo proveito posible ao volume de visitantes que chegan a Soutomaior favorecendo ao empresariado local e para iso tamén ten prevista a ampliación dun dos principais aparcadoiros da Avenida Xosé Solla, en Arcade.
Os traballos comezaron a pasada semana e multiplicarán por tres o número de prazas que actualmente ofrecía ese estacionamento de balde.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que "estas medidas encádranse na estratexia do Goberno de Soutomaior para promocionar o noso comercio local e deixar de ser unha vila dormitorio. Soutomaior ten moito que ofrecer, tanto para os seus veciños e veciñas como para as persoas que nos visitan e aquelas que están buscando un lugar onde instalarse e iniciar un proxecto de vida".
"Hoxe Soutomaior conta con máis xente traballando en mantementos e limpezas ca nunca; mellorou as contas municipais e o aforro; vai mobilizar no primeiro orzamento deste goberno máis de 1 millóns de euros en obras e proxectos; e ten unha axenda cultural e de eventos que é referencia en toda a contorna", destacou o alcalde.