Desde San Benitiño ata a Feira Franca todo será festa en Pontevedra. Case dous meses cheos dunha frenética actividade que busca agradar a "todos os gustos e todas as idades", segundo destacou a concelleira de Festas, Carme da Silva, na presentación dunha ambiciosa programación composta por máis de 200 actividades. Con elas, destacou, "queremos xenerar en Pontevedra un ambiente festivo durante estes dous meses".
Este ano as Festas de Verán terán un marcado acento galego. Dos 140 grupos ou colectivos que actuarán en Pontevedra durante xullo e agosto, a inmensa maioría, uns 120 son galegos. "Pensamos que no momento delicado que atravesa o sector cultural galego, esta podería ser a nosa achega", explicou a concelleira nacionalista.
E todo iso, mantendo o orzamento do ano anterior: 940.000 euros. Aínda que como destacou Carme da Silva, en actividades gástase menos, debido á suba do IVE. E sobre todo un dos acenos de identidade da programación festiva de Pontevedra, que todas as actuacións son gratuitas. Unha "intención clara" por parte do Concello de Pontevedra, especialmente "nun momento no que as familias non teñen moitos recursos económicos".
As principais citas das Festas de Verán son:
Xullo-Agosto: Bandas de música. Durante os dous meses, a programación festiva estará salpicada de concertos das principais bandas de música de Pontevedra. Entre elas, a BMP, a Banda de Música de Salcedo ou a Banda de Música de Sanxenxo.
11 de xullo: San Benitiño de Lérez. Tralo éxito da edición pasada, esta romaría popular volverase a celebrar nas inmediacións da praia fluvial do Lérez. Será, entre outras actividades, cunha mexillonada popular e as actuacións musicais da agrupación de gaitas Rías Baixas e do grupo Aturuxo Pequeno.
12-13 de xullo: XIV memorial Ricardo Portela. Nesta edición homenaxearase ao gaiteiro local Xan de Campañó.
17-22 de xullo: XXI Festival Internacional de Jazz. As actuacións volverán repartirse entre a Praza do Teucro e a Praza da Ferrería. A gran novidade este ano é que un dos concertos estará protagonizado por reputados músicos galegos. Segundo Carmen da Silva, "músicos que actúan coas grandes estrelas do jazz, fan xiras a nivel internacional e que era unha imposición que lles recoñeza o seu grande nivel na súa casa".
24-26 de xullo: Festas do Santiaguiño do Burgo.
24-28 de xullo: ciclo Cinema na lúa.
29 de xullo-2 de agosto: 15 bolos. Son concertos protagonizados por bandas pontevedresas emerxentes. Esta actividade, organizada polo Local de Música, celebrarase na Praza da Verdura e a Praza do Teucro. Con esta oportunidade "se lles recoñece o traballo que fan nos diferentes ámbitos da música", explicou a concelleira de Festas.
6-8 de agosto: IV festival Itineranta. Trátase dunha aposta pola animación na rúa. Será por todo o Centro Histórico. Agrupacións galegas, catalás, vascas e valencianas "encherán as rúas da cidade de alegría" cos seus espectáculos de animación. "Resultará moi atractivo para todos os pontevedreses".
10-18 de agosto: Festas da Peregrina. Ademais de espectáculos de animación pola rúa a cargo de comparsas ou grupos tradicionais, a programación da semana grande das festas de verán artéllase en torno a tres grandes bloques:
A programación infantil "que se reforza ano tras ano" terá o seu epicentro na Praza do Teucro. Alí cada día, ás 19.30 horas, haberá unha oferta específica para os máis pequenos con representacións teatrais, concertos e espectáculos animados. Entre outros, pasarán por este escenario Pedro Volta ou Barafunda Animación. Completarase coa Batalla de Flores, que ese ano celebrarase o 13 de agosto.
Outra das novidades é que a Praza da Ferrería acollerá, salvo o 13 de agosto, un concerto ás 21.00 horas. Serán actuacións da Banda de Música de Pontevedra e a Banda de Música de Salcedo (12 de agosto), o espectáculo Noite de Boleros da BMP (14 de agosto), o Festival de Corais (15 de agosto), Vocal Tempo (16 de agosto), un concerto conxunto de Quempallou e Trébede (17 de agosto) e unha exhibición de bailes de salón (18 de agosto).
E a Praza de España acollerá os grandes concertos desta programación. Serán a partir das 22.30 horas e, como o resto da programación, serán gratuitos:
- 10 de agosto: Mago de Oz + el grupo ganador de 15 bolos
- 11 de agosto: La Guardia + La Frontera
- 12 de agosto: Fiesta 40 World Dance Music
- 13 de agosto: Brincabolechas
- 14 de agosto: Son de seu + Fiadeiro
- 15 de agosto: Berrogüetto
- 16 de agosto: Malú
- 17 de agosto: Auryn
- 18 de agosto: Paloma San Basilio
23 de agosto: Festa do Demo.
30-31 de agosto: Festival Brinca na Praza. Trátase dun evento musical que reunirá na Praza do Teucro a tres grupos de rock galego: Zenzar, Foxy Freire e Güintervan.
6-7 de setembro: XIV Feira Franca, que este ano estará dedicada aos inventos da época.
O Concello de Pontevedra irá desvelando nas próximas semanas todos os detalles sobre cada un destes eventos festivos.