Desde Pontevedra, medio cento de "pingüirinos" cobren o último tramo do "Camiño Antártico a Santiago"

Pontevedra
04 de xullo 2016

Participan Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, científicos e militares da Armada e do Exército de Terra Primeira Peregrinación da Antártida a Santiago de Compostela  

Medio centenar de "pingüirinos" cobren o último tramo do "Camiño Antártico a Santiago"
Medio centenar de "pingüirinos" cobren o último tramo do "Camiño Antártico a Santiago" / Mónica Patxot

Máis de setenta peregrinos, eles se autodenominan "pingüirinos", van percorrer o último tramo do Camiño de Santiago antártico, aberto na Campaña Antártica española 2015-2016. Culmina así o iniciado o 28 de febreiro, tras pechar a Base Antártica Española "Gabriel de Castela". 

Este tramo final discorrerá, entre Pontevedra e Santiago de Compostela, polo Camiño do Salnés, tamén coñecido como Ruta Espiritual, continuará navegando pola tradicional Ruta do Mar que serviu para o traslado dos restos do Apóstolo Santiago ata Padrón e finalizará, o 7 de xullo percorrendo o último tramo do Camiño Portugués, na que é hoxe a Catedral (a meta de todo peregrino).

O grupo está constituído por membros da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, promotores do proxecto, membros do Instituto Xeográfico Nacional, científicos antárticos, militares da dotación do Buque de Investigación Oceanográfica "Hespérides" e da XXIX Campaña Antártica do Exército de Terra, que xestiona a Base Antártica Española "Gabriel de Castela", desde onde partiu a peregrinación.

O comandante Alberto Salas, explicou que "para el Ejército de Tierra es un privilegio formar parte de este proyecto que sitúa al Camino de Santiago más allá de donde nunca había llegado", en total 14.075 quilómetros.

Antonio Quesada, xestor do programa estatal de investigacións polares, compartiu a alegría de todo o grupo por esta "perfecta unión entre el camiño de Santiago y el espíritu antártico" destacando o sentido "continental" da súa xesta na que o principal valor é "compartir" do mesmo xeito que sucede na Antártida, "un lugar en el que no hay fronteras ni soberanía".

Como un "fito histórico" cualificou a directora xeral de Turismo, Nava Castro, este reto que fai que "Santiago siga sendo unha referencia internacional", destacando a interculturalidade do Camiño.

A ruta quedou establecida en decembro de 2015 co izado do banderín na Base Antártica Española Gabriel de Castela, situada na illa Decepción desta I Peregrinación desde a Antártida a Santiago de Compostela e o descubrimento dun Sinal Xacobeo que indica a dirección aos peregrinos.

O Camiño Antártico parte da illa Decepción e chega por mar ata Cartaxena. Desde alí continúa a Santiago usando as rutas habituais. O Instituto Hidrográfico da Mariña e o Instituto Xeográfico Nacional documentarán as dúas partes deste camiño para que poida ser recoñecido como oficial.

Os primeiros "pingüirinos" serán algúns dos militares destinados á Antártida, quen percorrerá a pé os últimos quilómetros do Camiño cando termine a súa misión e poidan regresar a España. O persoal científico e o resto de militares tamén contarán coa súa acreditación para selala en portos e aeroportos ata chegar a Santiago.