Queridos lectores, o outro día sentinme como Alicia no País das Marabillas ao descubrir un rinconcito na cidade de Vigo que rende culto aos obxectos doutras épocas que en tempos anteriores decoraron vivendas e locais, facilitaron a vida de quen alí vivían e traballaban e, ademais, o fixeron con primor e con todo o encanto daqueles marabillosos anos. Un espazo que fai da almoeda divertida e da recuperación de aparellos de antano o seu auténtico leitmotiv.
Ese recuncho chámase "Jacobo Ansin Vintage", sitúase no número 35 da rúa Uruguai e serve de eficaz máquina do tempo para transportarvos a décadas pasadas coa gran vantaxe de que vos poderedes levar algo daquela data á que viaxedes. Importante licenza que non se adoita ter nas viaxes no tempo xa que, como sabedes, ao modificar algo do pasado poderiades provocar un verdadeiro caos no futuro.
Os xoguetes de antes... inigualables! Colorido en marabillosas lámpadas. Es de letras? Aquí podes ata xogar con elas.
Un dos motivos da miña atracción por estes obxectos é porque son cronistas da vida do homo sapiens no século pasado e, que queredes que vos diga?, vivía -viviamos- moi ben! Deseños atrevidos, coloridos, doce recordos nalgúns casos e curiosidade por décadas anteriores ao noso nacemento, noutros. En definitiva, clásicos que se converteron en vangarda e que regresan para facer a nosa vida moito máis alegre e orixinal.
A lámpada tucano, unha das miñas pezas favoritas. E outra monada vintage. Se poñedes un ventilador nas vosas casas, electrodoméstico obsoleto por definición, non é mellor poñer un así?
Se sodes como eu, que a única globalización que vos gusta era a que promovía "Un globo, dous globos, tres globos... " e que pensades que non hai nada vello senón simplemente "vintage", este é o voso sitio. En Jacobo Ansín poderédesvos encontrar ata ventás de casas á venda. Quen dixo que a Nespresso era moderna? Con isto si daredes o golpe!
Fan absoluta dos recipientes en forma de pez. Plan para unha tarde invernal de domingo.
Curiosamente, esta cultura ten un grande arraigamento fóra das nosas fronteiras, cóntanos Jacobo e ratifica Javier -os dous exploradores que viaxan, buscan e rebuscan para encontrar estas xoias-, non obstante en España, a excepción de cidades como Madrid e Barcelona e algunha outra polo norte, aínda non ten moita expansión. Pouco a pouco, cóntannos, comezan a verse locais enteiramente decorados seguindo as pautas da estética retro pero aínda levamos uns cantos anos de atraso nisto da reciclaxe de pezas singulares, algunhas de moito valor, outras que o están a adquirir paulatinamente a medida que se vai poñendo de moda.
Unha das súas últimas e máis prezadas adquisicións: fantástica lámpada Art Decó.
Resucitar o antigo e outorgarlle unha nova vida é ademais unha actitude moi ecolóxica que nos obriga a afastarnos un pouco do consumismo acérrimo e a superprodución. Aquí poderedes encontrar regalos de todos os prezos, tamaños e décadas.
As maletas, todo un clásico "vintage". Ideais para decorar e mesmo usar. E estes vasos de refresco xa non os encontraredes. E non digo máis.
Se aínda non vos convencín para adoptar e levarvos á casa algunha destas pezas e necesitades ver e tocar como Santo Tomás, adiante! Pasádevos pola rúa Uruguai, polo blog de Jacobo Ansín Vintage ou polas súas redes sociais. Difícil será que non sorríades ao ver estes obxectos e non vos namoredes dalgún deles. A gozar!
Bicos, abrazos e feliz viaxe no tempo!