Desconvocada a folga nas tendas de Bershka en Pontevedra ao chegar a un acordo

Pontevedra
04 de novembro 2017
Actualizado: 17:47

A empresa incorporará melloras sociais e avanzará na equiparación salarial de todo o persoal. Berskha pagará ás traballadoras 120 dos 130 euros en pluses que cobra o persoal da Coruña. h4roboto>

Asemblea de traballadoras de Bershka
Asemblea de traballadoras de Bershka / CIG

Despois de nove días de folga, as traballadoras de Bershka decidiron desconvocar o paro indefinido nunha asemblea celebrada este sábado en Vigo.

As traballadoras apoiaron o preacordo alcanzado pola representación sindical durante a tarde-noite deste venres. Este acordo contempla a aceptación por parte do grupo Inditex de todas as medidas sociais que reclamaba o persoal de Bershka e ademais a dirección da empresa abonará 120 euros dos 130 que reclamaban en pluses as traballadoras para equipararse co persoal da Coruñasegundo informan desde o sindicato CIG.

As cinco tendas da provincia, que se atopaban paradas desde o día 26 de outubro, abrían este sábado as súas portas como se podía comprobar na tenda de Benito Corbal en Pontevedra.

Na reunión coa empresa, o principal se problema centrábase no pago do plus de 50 euros que si cobran as empregadas da Coruña e que se negaba ás pontevedresas. Finalmente chegouse a un acordo de pago de 40 euros. Os beneficios sociais céntranse na aplicación de melloras en vacacións, permisos, excendencias, tempos de descanso, lactación, conciliación familiar e incapacidade permanente. O acordo é para os vindeiros 3 anos.

Desde Inditex indícase que, desde o principio, ofrecéronse condicións por riba do convenio provincial pactado entre sindicatos e patronal. No caso de Pontevedra, a empresa estableceu condicións que superan entre un 16% e un 23% o convenio colectivo provincial do sector do comercio detallista textil, que foi asinado polos sindicatos CIG, UGT e CC.OO.

Co novo acordo, as traballadoras verán incrementados os seus ingresos entre 1.712 e 1.920 euros ata 2019, dependendo da súa xornada laboral, segundo explican fontes de Inditex. Noutro dos puntos importantes da negociación, a empresa comprometeuse a que as empregadas poidan gozar nos meses de xullo e agosto de, polo menos, 14 días de vacacións dos 31 totais anuais dos que dispoñen. Ademais se introduce unha compensación de 80 euros ao día, ata un máximo de 2, no caso de que non se goce dalgún dos días de asuntos propios non xustificados cos que contan.

Tratábase da primeira vez que unhas traballadoras do grupo Inditex convocaban unha folga indefinida e tanto a representación sindical como o persoal considera positivos os acordos alcanzados coa dirección. Durante as negociacións, segundo a CIG, lograron que Bershka pague os días de folga do mes de novembro ao entender que o acordo se debería alcanzar xa na reunión do martes 31 de outubro.