No entorno do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro acaban de ser localizados dous novos petróglifos, un de combinacións circulares e diferentes coviñas, "típico da arte rupestre galaica", pero outro "completamente inusual na arte rupestre".
O achado fixérono especialistas dun equipo conformado por persoal investigador do Grupo de Estudio para la Prehistoria del Noroeste Ibérico (GEPN) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro.
Segundo informou a USC, no petróglifo máis inusual destaca unha arma de grandes dimensións en posición pasiva rodeada de diferentes animais, na súa maioría cervos. O achado "mostra todo o que aínda nos queda por coñecer e os descubrimentos que están por vir".
Alia Vázquez Martínez, Miguel Carrero Pazos (GEPN) e Benito Vilas Estévez (do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro), explican que "é, sen dúbida, unha das descubertas mais importantes dos últimos anos, e é un petróglifo que fai reformularse teorías previas entre as asociacións de armas e animais, e que axuda a comprender máis amplamante a dimensionalidade e potencial da arte".
Este achado forman parte das actividades do proxecto de 'Documentación dos cervos de Campo Lameiro mediante técnicas 3D' que dirixe o profesor Antón A. Rodríguez Casal e que conta co asesoramento científico do catedrático Ramón Fábregas Valcarce.
Mentres que o primeiro dos petróglifos se sitúa a escasos metros do aparcamento do centro e o segundo estaba a escasos 250 metros, na zona de Outeiro de Chan de Isca. Destaca este petróglifo polo seu bo estado de conservación e por ser a primeira arma do entorno inmediato do parque.
Ademais desta referencia, o equipo considera singular a presenza dunha manada de máis de 25 animais polo de agora, aglomerados en torno á rocha, no que destacan figuras de un máximo de 15 centímetros de lonxitude, "sendo dos máis pequenos coñecidos e que demostran a gran habilidade que debeu de posuír o gravador ou gravadora que os realizou".