Persoal técnico de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acaba de identificar no Monte Ermelo, entre os concellos de Bueu e Moaña, un novo mineral. Trátase da ermeloíta, recollida en campo por José Carlos Rodríguez Vázquez, Moisés Núñez e Manuel Cerviño.
As primeiras análises de difracción de raios X de policristal e monocristal revelaron que este mineral non se atopaba rexistrado en ningunha base de datos internacional, tratándose, polo tanto, dun achado a nivel mundial.
"En Galicia, descubríronse, ao longo da historia, tres minerais", sinala Óscar Lantes Suárez, responsable da Unidade de Arqueometría e Caracterización de Materiais da USC. "Trátase da morenosita, a cervantita e a bolivarita, todos eles achados na metade do século XIX", engade.
A ermeloíta pasa a ser o cuarto mineral descuberto en Galicia e xa está oficialmente recoñecido pola International Mineralogical Association (IMA) como nova especie, sendo a súa localidade tipo o Monte Ermelo e o exemplar tipo o analizado dende a USC.
Tras o achado e baixo a sospeita de que se tratase dun novo mineral, o equipo completou as análises con técnicas calorimétricas, espectrometría de fluorescencia de raios X, espectroscopía Raman, ou análise Rietveld, entre outras; alén de realizar unha análise complementaria de elementos químicos (EPMA) en colaboración con investigadores da Universidade Complutense de Madrid e do Centro Nacional Instituto Geológico y Minero de España -CSIC.
"Este descubrimento ten repercusións históricas por ser tan poucos os minerais que se descubriron dende Galicia e reforza a importancia que teñen as investigacións sistemáticas realizadas no eido da mineraloxía, en especial no contexto xeopolítico actual no que a necesidade de materias primas estratéxicas é crítica", continúa Lantes Suárez.
"Cientificamente, a aparición deste novo mineral supón incrementar a listaxe de minerais descubertos nun contexto planetario e axudará a entender mellor as paraxéneses de minerais pegmatíticos secundarios e as súas condicións de formación", matiza.
O fragmento atopado é pequeno, polo que resulta complicado inferir posibles aplicacións industriais ou tecnolóxicas, se ben non se descarta que a partir deste descubrimento sexa posible identificar esta especie mineral en ambientes similares noutras formacións xeolóxicas no mundo.
A aparencia do mineral é masiva, microgranular e de ton case branco. Por estas características pasa desapercibido dentro dos corpos pegmatíticos e é facilmente confundible a nivel macroscópico con plaxioclasas ou outros minerais de cores claras. A ermeloíta é un fosfato de aluminio monohidrato, do grupo da Kieserita e que cristaliza como monoclínico C2/c.