Os traballos de restauración da Casa Consistorial están a deparar agradables sorpresas. A última é todo un descubrimento: escondida detrás dunhas translúcidas uralitas estaba o lucernario de ferro orixinal do edificio.
Esta obra do arquitecto Alejandro Rodríguez Sesmero, que lle valeu a concesión en 1880 da cruz da Real Orde de Carlos III, contaba no seu deseño orixinal cun lucernario de singular estrutura que no ano 1953 se ocultou tras unha vidreira co escudo da provincia.
Aquela vidreira "que se garda como oro en pano" fora deseñada nos talleres da empresa La Belga, casa fundada en Vigo en 1914 por José Cameselle Rial, e que traballou ininterrompidamente tanto na realización como na restauración de vidreiras ata 1988 que pechou as súas portas.
"Nos informes previos víase unha estrutura de ferro un pouco confusa cuberta por unha uralita", explica o arquitecto municipal, Ángel Velando, que presume con orgullo que a restauración que se está a levar a cabo desta "enxeñosa estrutura piramidal de 100 metros cadrados".
"Está pensada para gañar estabilidade cando se carga, polo deseño dos seus tensores, de feito do eixe central da estrutura, probablemente colgaba unha lámpada de araña, que a facía gañar en estabilidade," comenta Velando "o aconsellable é que agora se volva instalar outra lámpada. Se os tempos o permiten", engade.
A idea é respectar o deseño orixinal do edificio con este valioso lucernario que será acristalado de xeito convinte.
Por certo que na restauración da fachada tamén chamou a atención un golpe nunha das pedras que se especula coa posibilidade de que sexa un impacto de bala producido durante a Guerra Civil.