Descenso notable de pacientes covid hospitalizados na área sanitaria: 43 ingresados en Montecelo e no Salnés

Pontevedra
04 de marzo 2021

Continúan 11 pacientes covid na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e O Salnés. Na área mantéñense 632 casos activos, con 19 novos positivos detectados nas últimas 24 horas. En Galicia o número de persoas falecidas como consecuencia da pandemia ascende a 2.259 e hai 4.453 casos activosspansegoe>

UCI de Pontevedra con pacientes con covid-19
UCI de Pontevedra con pacientes con covid-19 / Pool / Ramón Leiro

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistra este xoves 4 de marzo 43 pacientes nos hospitais da zona, sete menos que na xornada do mércores. 32 pacientes  covid atópanse ingresados en planta de hospitalización; 27 atópanse no Hospital Montecelo mentres que cinco enfermos recupéranse no Hospital do Salnés. Ademais, permanecen 11 pacientes  covid na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), o mesmo número que se rexistraba durante as dúas últimas xornadas.

Na área sanitaria, a cifra de casos activos é de 632 persoas, 51 menos que o mércores. Desta cantidade, 589 persoas permanecen nos seus domicilios evolucionando da enfermidade.

Nas últimas horas notificábase unha morte máis, un home de 80 anos con patoloxías previas que perdía a vida no Hospital do Salnés. En total, desde o inicio do plan de continxencia son 156 as persoas falecidas na área sanitaria. Curáronse 11.648 pacientes.

Nas 579 probas PCR realizadas polo  Servizo Galego de Saúde nas últimas 24 horas detectáronse 18 novos positivos dos 19 novos casos rexistrados durante esta última xornada.

GALICIA

Na comunidade autónoma detectáronse este xoves 191 novos contaxios por covid-19, 129 casos menos que hai sete días. 

A área sanitaria da Coruña segue sendo a que rexistra un maior número de novos positivos con 76, seguida por Vigo con 39, Pontevedra, con 19 do mesmo xeito que Santiago; mentres que Ferrol rexistra 17, Ourense, 11 casos e Lugo, 10 contaxios.

O número de casos activos en Galicia é de 4.453 persoas, 233 menos que nas últimas 24 horas. Deste número hai 355 pacientes en planta de hospitalización nos centros hospitalarios da comunidade e 93 persoas na UCI. 

A cifra de persoas falecidas ascende a 2.259 desde o inicio da pandemia. Nas últimas 24 horas, a Consellería de  Sanidade notificaba tres mortes máis por esta enfermidade.