Descenso de hospitalizacións e de casos covid activos en Pontevedra e O Salnés

Pontevedra
16 de marzo 2022

Rexistrouse unha baixada de seis pacientes hospitalizados respecto aos datos ofrecidos o martes pola Consellería de Sanidade. 38 persoas están ingresadas en planta no Hospital Montecelo, dúas no Salnés e só queda un enfermo con coronavirus na Unidade de Coidados Críticos. Pola contra, en Galicia continúa o incremento de casos e de hospitalizacións. Notificáronse cinco mortes con covid na comunidade nas últimas horas

Datos covid neste mércores 16 de marzo na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés
Datos covid neste mércores 16 de marzo na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés / Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia

Descende en seis pacientes o número de persoas hospitalizadas na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés respecto ás cifras ofrecidas pola Consellería de Sanidade o martes. Neste 16 de marzo permanecen ingresados 41 pacientes con coronavirus. 38 atópanse no Hospital Montecelo (-5), 2 no Hospital  do Salnés e unha persoa permanece ingresada na Unidade de Coidados Críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, unha menos que onte.

Continúan 2.084 casos activos na área sanitaria, 54 casos menos que o martes. Nas últimas horas realizáronse 234 probas diagnósticas, co resultado de 176 novos contaxios, 18 menos que hai 24 horas.

Non se rexistraron falecidos durante os últimos días, polo que o número de decesos desde o inicio da pandemia mantense en 263 pacientes. Curáronse un total de 58.031 persoas, 229 máis que onte, segundo os datos que ofrece a xerencia da área sanitaria.

DATOS EN GALICIA

Nos datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade móstranse 5 novos falecementos en Galicia de persoas coa enfermidade do covid-19 durante as últimas horas. Con estas mortes o número de vítimas ascende a 3.162 persoas.

O número de casos activos na comunidade continúa á alza. Este mércores rexístranse 19.589 positivos, 106 máis que onte. Desta cifra, 386 enfermos están hospitalizados, 8 máis que o martes e mantense o mesmo número de persoas nas unidades de Críticos, un total de 26 pacientes.

Por áreas sanitarias, os casos activos repártense do seguinte modo: A Coruña-Cee: 4.201 (+57); Vigo: 3.497 (+103); Santiago-O Barbanza: 3.116 (+11); Ourense: 2.705 (-97); Lugo: 2.386 (+14); Pontevedra-O Salnés: 2.084 (-54); Ferrol: 1.508 (+63); sen área sanitaria asignada: 92 (+9).

Nas últimas 24 horas rexistrábanse 2.083 novos positivos de coronavirus na comunidade. Trátase de 164 contaxios diarios máis respecto ao martes e 179 máis en relación ao mércores da semana pasada.