Un convenio entre o Concello e a Deputación de Pontevedra permite desbloquear a reforma integral da estrada de Tomeza pola que discorre o Camiño de Santiago Portugués.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acaba de asinar o convenio de colaboración coa Deputación para acometer esta reforma co propósito de mellorar a seguranza viaria en todo o seu trazado.
A Xunta de Goberno local aprobou no mes de xullo a sinatura deste convenio, que estivo redactándose nestes meses entre as dúas institucións. Coa sinatura, quedan desbloqueadas as contías orzamentarias que permitirán licitar e executar o proxecto.
O convenio, paso previo á licitación da reforma, recolle que a EP0002 Marco - Tomeza - Figueirido é unha estrada de plataforma moi irregular sen case beiravías nin beirarrúas que crea situacións de risco para os seus usuarios, especialmente neste treito do Camiño de Santiago.
O proxecto contempla unha intervención en 2,5 quilómetros e consiste en executar obras de pavimentación da estrada e crear unha senda peonil de formigón coloreado de 2,5 metros de ancho á marxe dereita da estrada. Implantaranse zonas de convivencia das mobilidades onde non sexa posible acadar ese largo mínimo. Ademais, farase un sistema de drenaxe das augas pluviais e a reposición dos servizos que se vexan afectados pola execución destas obras.
O orzamento total da obra é de 1.724.510,78 euros e o financiamento será o 80% a cargo da Deputación, tamén encargada da licitación e da execución da obra. O Concello asume o 20% restante e tamén se encarga de financiar as expropiacións, valoradas en 19.835,96 euros.
O convenio tamén inclúe a regularización de distintos tramos de estradas provinciais que pasan a ser de titularidade municipal. En concreto trátase dun tramo de 500 metros da estrada de Xoan XXIII a Figueirido que pasa a ser de titularidade municipal soamente até a subida ao colexio de San Martiño, así como tres tramos da estrada de Bora ao Salgueiral que quedaron fóra do novo trazado da vía (son os denominados tramos mortos). Están situados en distintos puntos da estrada e suman un total de 218 metros.