As restricións ás que este verán están sometidas tanto praias como piscinas de acceso público desataron o propósito de dispoñer dunha piscina propia. Quérense de todo tipo: de obra, de poliéster ou desmontables en todos os seus tamaños.
Empresas online dedicadas á venda de piscinas desmontables mostran nos seus catálogos de forma reiterada a palabra "esgotado". Hai fabricantes destas piscinas que ante a demanda que están a ter van limitar a producir uns modelos determinados, loxicamente os máis solicitados.
Chequeamos o empresas do sector dentro da área de influencia de Pontevedra e Salnés. Unha das conclusións: os clientes ou posibles clientes queren dispoñer da súa piscina canto antes e despois xa se deciden polas opcións do orzamento.
Rafa Rodríguez é un dos xerentes de Piscinas Salnés de Vilagarcía, que traballa fundamentalmente nas Rías Baixas. No seu caso non cesan as chamadas e avanza que "antes de que chegase a pandemia xa tiñamos un ano bastante cuberto e agora xa se disparou do todo".
Nestes momentos as piscinas que se solicitan de obra están a remitilas a partir de setembro. Das consultas que atenden sobre un 30% interésanse polas de obras e o resto polas piscinas con vaso de poliester.
Manuel Domínguez é xerente de Piscinas Míguez en Cuntis, traballan para toda Galicia. Os orzamentos que deron ata a data son máis do dobre dos que tiveron o ano pasado "isto é o que puidemos atender", indica. Pídense piscinas de poliester ou desmontables para primeiras e segundas residencias particulares; nunha porcentaxe baixa, estiman un 5 ou 10%, solicítanse para vivendas destinadas a turismo.
Ao redor da Semana Santa empezaron a notar un aumento importante de chamadas e co inicio da desescalada, empezou "a escalada" de chamadas. Esta circunstancia "non a esperabamos, de feito cremos que caerían contratos que tiñamos, pero non, foi o contrario".
En Pontesampaio está situada Piscinas Dobre V e traballan para toda a provincia, o seu propietario Francisco Vidal tamén coincide "está a ser unha tolemia pódocho confirmar. Ao redor dos vinte días do confinamento empezaron a chamar e isto triplicouse".
Eles dedícanse unicamente á piscina de obra "non chegamos a todo o que nos están pedindo. Agosto témolo completo e os que chaman agora xa lles temos que dicir que para este verán vai ser complicado". Tamén neste caso as súas previsións, afortunadamente, non se cumpriron: "non o esperabamos para nada, cando se empezou con isto do coronavirus cremos que a situación se ía a poñer moi frouxa, pero está a ser completamente alrevés".
Os que reclaman présa poden ter unha piscina fixa de poliester entre os catro e dez días, se non se producen imprevistos e as condicións meteorolóxicas permíteno. No caso dunha piscina de obra, de formigón, un mínimo de tres semanas.
STOCK ESGOTADOS
Antonio Ferreira é director de tenda en Bricoking Pontevedra, onde a oferta responde unicamente a piscinas desmontables. Abrían o pasado martes e "desde o primeiro momento empezaron a levalas. Repuxéronse dúas veces e acabouse o stock que había", explica. levan todos os tamaños desde as máis grandes ás máis pequenas, o que supón unha pinza de prezos desde algo máis de cen ata os mil euros.
A situación non é exclusiva dos pontevedreses, sucede no resto de almacéns desta cadea "das máis grandes non hai estockaje, os pedidos que chegan son para fabricar", polo que a subministración tardará en chegar unhas catro semanas. Para eles esa situación dalgunha maneira "xa era previsible", non foi motivo de sorpresa.
Nesta superficie atopamos a un matrimonio que unicamente leva no seu carriño unha piscina para a súa vivenda unifamiliar: "é para os netos. Se non se pode ir á praia haberá que quedar na casa e estar na piscina, aínda que sexa pequena", con todo recoñece que non é moito de praia "pero este ano aínda menos".