"Desastroso" mercado de flores na Ferrería: tres vendedores fallan e o resto quéixanse das baixas vendas

Pontevedra
31 de outubro 2020

A pandemia e, en especial, as restricións aplicadas leste mesmo venres co peche perimetral de Pontevedra, Poio e Marín deixaron a súa pegada este sábado no tradicional mercado de flores de Todos os Santos que se celebrou na praza da Ferrería con tan só 29 postos e escasísima afluencia de compradores

Mercado de flores de Todos os Santos na Ferrería 2021
Mercado de flores de Todos os Santos na Ferrería 2021 / Cristina Saiz

A pandemia e, en especial, as restricións aplicadas leste mesmo venres co peche perimetral de Pontevedra, Poio e Marín deixaron a súa pegada este sábado no tradicional mercado de flores de Todos os Santos que se celebrou na praza da Ferrería con tan só 29 postos e escasísima afluencia de compradores.

O mercado xa reducira este ano o número de postos de 42 a 33 para adaptarse aos protocolos de seguridade da covid-19, pero finalmente tan só montaron este sábado 29. Segundo explicou a concelleira de Promoción Económica e Turismo,  Yoya Blanco, repartíronse os 33, hai 16 días uno dos vendedores dixo que non podía acudir e este sábado tres non se presentaron

Tanto a concelleira como os vendedores consultados por PontevedraViva atribúen esa ausencia ás novas restricións. A pesar de que no mercado tomáronse todas as precaucións, o peche perimetral e a incerteza derivados da pandemia desanimaron os compradores

Pola súa banda, Yoya Blanco animou aos compradores para acudir ao mercado, que continúa este domingo 1 de novembro na Ferrería, pois o sector está "moi golpeado" pola situación e necesita que a cidadanía acuda e compre para poder salvar unha das datas do ano que tradicionalmente teñen máis vendas. 

Así, lembrou que se delimitaron os espazos pintando a praza, debuxáronse indicativos para establecer vías de entrada e saída e garántese o distanciamento entre postos e o uso de máscara, xel e distancia social. Ademais, asegura que este sábado todas as persoas que se achegaron tanto para comprar como para vender fixérono "con moito sentidiño" e respecto ás normas. 

A pesar das medidas, os vendedores non lograron salvar o día. Así, algúns consultados por  PontevedraViva tacharon de "desastroso" e "nefasto" o mercado, no que lles foi "muy mal". A imaxe que presentou a praza durante a maior parte da mañá foi a dun recinto cheo de flores e baleiro de xente

"No me da ni para pagar la flor", lamentou unha das vendedoras, que critica que o Concello non puxese facilidades para vender antes as flores. Outro compañeiro criticou a xestión municipal neste campo, aínda que a maioría coinciden en que a situación é debe á incerteza derivada das novas medidas e as dificultades da xente para desprazarse. 

Así, indican que moitos cidadáns adoitan comprar flores para levar a cemiterios situados noutros municipios nos que teñen tumbas ou panteóns familiares, pero este ano non poderán desprazarse, de modo que optaron por non comprar. Ademais, algúns nin sequera sabían se podían ou non desprazarse a Pontevedra para comprar e outros mesmo dubidaban de se se podería celebrar o mercado.