Desarticulada unha organización criminal dedicada ao narcotráfico con detencións en Cambados e Vilanova

O Salnés
17 de decembro 2022

Unha operación da Garda Civil permitiu dar por desarticulada unha organización criminal considerada como das máis activas de Galicia. Detivéronse a 13 persoas, residentes a maioría delas na cidade da Coruña, pero tamén nas localidades de Cambados, Vilanova e Lalín

Operación 'Requila' da Garda Civil con detencións en Vilanova e Cambados / Guardia Civil

A Garda Civil deu por desarticulada unha organización criminal considerada como das máis activas de Galicia, dedicada ao narcotráfico.

No marco da denominada policialmente Operación REQUILA desenvolvida polo Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga da Comandancia da Garda Civil da Coruña, procedeuse á detención de trece persoas afincadas, a maioría delas, na cidade da Coruña, pero tamén nas localidades pontevedresas de Cambados, Vilanova de Arousa e Lalín.

A todos eles acúsaselles de presuntos delitos de tráfico de drogas e integración en organización criminal.

Segundo as investigacións da Garda Civil, a rede intervida contaba cunha estrutura piramidal dedicada a introducir de forma regular, na cidade da Coruña e localidades limítrofes, diferentes partidas de droga, principalmente cocaína, fornecéndoas a diferentes distribuidores para a súa venda final.

Entre as medidas de seguridade que adoptaban, explica o Instituto Armado, a organización criminal cambiaba de transportistas cada 5 ou 6 semanas para dificultar o seguimento policial. Por iso chegáronse a detectar e deter a cinco transportistas diferentes, interviniñendose ademais os coches cos que contaba cada un deles, vehículos nos que se localizaron sofisticadas 'caletas', uns habitáculos ocultos en diferentes partes do coche que lles permitían efectuar os transportes con maior seguridade.

A banda criminal contaba con contactos que chegaban ata Suíza, onde un dos seus transportistas levaba cocaína. De feito grazas á colaboración coa policía do país helvético púidose deter a dúas persoas que viaxaban con medio quilo de cocaína oculta.

En canto aos implicados na provincia de Pontevedra, a investigación dirixida polo Xulgado de Instrución 7 da Coruña, permitiu determinar que a organización contaba con dous provedores en Cambados e en Vilanova de Arousa.

Estas circunstancias motivaron que o pasado martes 13 de decembro, a Garda Civil despregase un gran operativo tanto na cidade da Coruña, como nas citadas localidades pontevedresas, cun cento de axentes implicados, para levar a cabo dezaseis rexistros domiciliarios, dando como resultado a incautación de 4kg de cocaína, haxix, básculas de precisión, prensas, substancia de corte, 42.000 euros e seis vehículos utilizados para a distribución da droga coa que traficaban.

Os detidos foron postos ao dispor do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución en funcións de garda de cada localidade, acordándose o ingreso en prisión de catro deles.