Once persoas foron detidas e incautáronse un total de 5,5 quilos de cocaína nunha operación levada a cabo por Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria e a Policía Nacional que dan por desartellada unha organización criminal dedicada ao narcotráfico con ramificacións en diferentes puntos da xeografía galega.
Catro dos detidos xa ingresaron en prisión. A operación está dirixida polo Xulgado de Instrución número 1 de Corcubión.
Ademais practicáronse dez rexistros en domicilios da Illa de Arousa, Corcubión, Carballo e Muros sendo intervidas diferentes sustancias estupefacientes, diñeiro, útiles de manipulación e pequenas plantacións 'indoor'.

En total interviñéronse 5,5 quilos de cocaína, tres quilos de haxix, un quilo de marihuana, 56.000 euros en efectivo, un arma de fogo, varias armas de fogo simuladas, armas prohibidas, catro vehículos, tres deles con sistema de ocultación artesanal (caletas), básculas de precisión e diversa documentación.
A investigación segue aberta non descartándose máis detencións.
A operación contra o tráfico de drogas levouse a cabo de forma conxunta polo Grupo de Información Rexional de Estupefacientes de Unidade Operativa de Vixilancia Aduanara de Galicia (operación 'Baleas'), a Unidade de Drogas e Crime Organizado da Coruña (operación 'Winter') e Greco Galicia.
Segundo informaron fontes oficiais da Axencia Tributaria, a investigación iniciouse no principio do ano, cando se detectou a un veciño da localidade de Cee, con antecedentes penais por tráfico de drogas, que se dedicaba ao transporte de sustancias estupefacientes para distintas organizacións delituosas de narcotraficantes.
A organización utilizaba sofisticados sistemas de ocultación do estupefaciente en vehículos e para financiar as súas operacións executaba 'vuelcos ' de droga e diñeiro, é dicir, roubaban a outros narcos.
Para o transporte da droga utilizaban vehículos de aluguer e, de maneira máis habitual, vehículos dotados con 'caleta', é dicir, un sistema de ocultación da droga deseñado no interior destes vehículos. Igualmente, detectouse a súa presenza nun importante punto de venda de droga na localidade de Carballo, onde reside o seu principal socio na organización. Ambos se coñeceron en prisión.
O líder da organización mantivo numerosas entrevistas con persoas pertencentes a terceiras organizacións criminais preparando a introdución en España de importantes cantidades de droga vía marítima.
Unha vez o propio líder da organización adquiría a sustancia estupefaciente en diferentes puntos da xeografía española. Despois da súa adulteración, a droga era distribuída en Galicia por varios subordinados.