Desaparecen os GRUMIR e chegan os GES

Pontevedra
07 de xuño 2013

A Deputación de Pontevedra acolleu este venres o acto de firma do convenio para a posta en marcha dos chamados GES, os Grupos de Emerxencias Supramunicipais, que completan o novo mapa de emerxencias de Galicia para un período de tres anos aínda que con vocación "permanente"

A Deputación de Pontevedra acolleu este venres o acto de firma do convenio para a posta en marcha dos chamados GES, os Grupos de Emerxencias Supramunicipais, que completan o novo mapa de emerxencias de Galicia para un período de tres anos aínda que con vocación "permanente".

Durante a firma do Convenio o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o Presidente provincial, Rafael Louzán, e Xosé Crespo en representación da Fegamp, estiveron acompañados por un nutrido grupo de alcaldes.

Rueda destacou a colaboración dos Concellos para definir un mapa de emerxencias máis racional que cobre a práctica totalidade do territorio, ademais preténdeselle dar certa autonomía de medios aos concellos "a través dunhas brigadas que traballarán de forma coordinada cos outros servizos de extinción da Xunta e Protección civil entre outros", explicou o conselleiro.

O custo total para os tres anos do servizo prevé superar os 18 millóns de euros para todo o territorio galego, dos que a Xunta asumirá 60% do financiamento, e as deputacións e os municipios o 40% restante en partes iguais.

A rede incluirá agrupacións de voluntarios de Protección Civil e outros corpos como a Garda Civil, a Policía Nacional e os servizos de atención médica de urxencias.

Segundo explicou o vicepresidente Rueda esta nova fórmula de seguridade cubrirá o baleiro que deixou no rural galego a desaparición dos Grupos Municipais de Intervención Rápida (Grumir).

"Os antigos Grumir desaparecen ao desaparecer os fondos europeos dos que se nutría ", resumiu o vicepresidente.

Estes GES dedicaranse a extinguir incendios forestais ademais dos labores de prevención e limpeza do monte, atender situacións de emerxencia derivadas de riscos naturais como nevadas, inundacións, secas ou episodios meteorolóxicos adversos. Tamén figuran nos seus labores o mantemento da rede de estradas e vías de comunicación, ou a participación en operativos de protección civil que se planifiquen debido á presenza de actividades que movan un número significativo de persoas.

Rueda situou este convenio como un exemplo de cooperación entre administracións. O convenio establece unha duración inicial ata o 31 de decembro de 2015.