Os veciños da Rúa do Santo na parroquia pontevedresa de Lourizán sufriron este mércores unha nova inundación, a primeira de 2025, evidenciando a vulnerabilidade desta zona ante episodios de choiva incluso moderada.
O episodio produciuse arredor das 8:00 horas, cando a tromba de auga con motivo da tormenta matinal provocou o colapso da rúa, malia que os rexistros pluviométricos nin sequera acadaron o umbral de alerta amarela de 15 litros por hora, sinalan os residentes.
A situación afectou especialmente ás familias con nenos que regresaban nesta xornada ás aulas tras as vacacións do Nadal.
"O desamparo é total", indica un dos veciños da zona, canso de que este escenario se repita cando se producen fortes precipitacións sen que dende as distintas administracións se busque unha solución.
"Non podemos entrar nin saír das nosas casas, temos que comprobar danos materiais cando baixe a auga e preocúpanos a situación sanitaria pola mestura con augas residuais", explican os afectados, que denuncian "un desamparo total" por parte das administracións.
A situación comezou a normalizarse sobre as 10:00 horas, cando técnicos de Viaqua, a empresa concesionaria do servizo de augas, procederon a abrir as tapas dos rexistros para facilitar a drenaxe.
PROBLEMA RECORRENTE
Esta nova inundación súmase a unha longa lista de episodios similares. Só nos últimos meses, os veciños sufriron asolagamentos en setembro e marzo de 2024 ou en decembro de 2023.
A orixe do problema, segundo denuncian os residentes, está no deficiente mantemento do río canalizado que atravesa a zona, unha responsabilidade compartida entre Augas de Galicia e o Concello.
Os afectados reclaman solucións urxentes ante o que consideran un exemplo de "abandono do rural", agravado pola falta de comunicación co Concello e a ausencia de medidas efectivas para resolver un problema que se repite con cada episodio de choivas intensas.