Os bombeiros de Pontevedra extinguiron un incendio no quinto piso do edificio número 59 da Avenida de Uruguai. O suceso tivo lugar ás 22.36 horas da noite deste domingo.
Segundo informou o 112, a veciña desta vivenda chamou ao número único de emerxencias para solicitar asistencia por mor dun incendio.
Estas mesmas fontes precisaron que unha vela foi a orixe do lume que afectou o dormitorio, queimando o colchón e parte do mobiliario.
Os bombeiros de Pontevedra completaron que como consecuencia do incendio a Policía Local tivo que desaloxar o edificio.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, explicou que a residente nesta vivenda é unha muller que vive soa e que sufriu queimaduras leves ademais de intoxicación ao inhalar fume, polo que foi atendida no Hospital Montecelo. A muller xa se atopa na súa vivenda en contacto cos servizos sociais do Concello por se necesita axuda.