O incendio que se rexistrou na cociña dunha vivenda obrigou a desaloxar todo un edificio na rúa Ernesto Caballero de Pontevedra.
O suceso rexistrouse ao dez e media da noite deste xoves, segundo informaron a Policía Local de Pontevedra e o 112 Galicia.
Os bombeiros tomaron a decisión de baleirar o inmoble por precaución tras comprobar o intenso fume que se acumulou nas zonas comúns do edificio.
Ninguén resultou ferido e os danos limitáronse á cociña e a todo o seu mobiliario.
Cando os efectivos do servizo de extinción de incendio finalizaron a súa intervención e airearon o edificio, preto de hora e media despois, os veciños puideron volver ás súas casas.
A persoa que habitaba na vivenda que sufriu o incendio foi reacollida en casa dun familiar.
No operativo de emerxencias, ademais dos bombeiros, participaron axentes da Policía Local de Pontevedra e da Policía Nacional.