Todo quedou nun mal soño. O centro penitenciario da Lama confirmou o resultado negativo da segunda proba PCR e dos test diagnósticos que se realizaron ao interno de avanzada idade que dera positivo por COVID-19.
O home, un interno do módulo de enfermería, estaba illado desde que deu positivo. Tamén se atopaban en corentena os seus dous compañeiros de cela que, segundo a dirección do cárcere, deron negativo ás probas que se lles realizaron.
Ante este feito, o cárcere da Lama decidiu desactivar o protocolo COVID-19 que se puxo en marcha hai apenas 24 horas, previa autorización da subdirección médica.
Nun comunicado remitido aos traballadores, no que agradece a actitude "proactiva" e a colaboración de todo o persoal -ao que se lle pediu que comunicasen se tiveran contacto co interno afectado-, a dirección confirma que deixa sen efecto o illamento.
O interno, que se atopa encamado e sen apenas mobilidade, será trasladado nos próximos días a unha residencia de maiores externa ao penal, tal e como estaba previsto.
De feito, foi este traslado o que orixinou que se lle realizara a primeira PCR que, tal e como quedou demostrado posteriormente, arroxou un falso positivo.