A Deputación valora como "exitosos" os workshops de turismo celebrados en Málaga e Madrid

Pontevedra
21 de outubro 2024
Actualizado: 7:03

En liñas xerais, en ambos os dous lugares o interese centrouse en integrar a oferta enoturística nos paquetes que as empresas e entidades que as cidades venden sobre o destino Rías Baixas

Workshop de turismo celebrados en Madrid
Workshop de turismo celebrados en Madrid / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra pecha cun "existoso balance" os workshops de turismo celebrados en Málaga e Madrid o 16 e 17 de outubro, respectivamente.

Foron preto de 1.700 as reunións celebradas para dar a coñecer as 100% experiencias Rías Baixas, nas que participaron máis de 150 operadores de Málaga e de Madrid.

Pola súa banda, foron 29 as empresas da provincia que se desprazaron a ambas as dúas cidades para dar a coñecer a súa actividade, pechando 740 reunións na cidade andaluza e 950 na capital.

En Málaga, as empresas da provincia de Pontevedra detectaron unha gran receptividade por parte das 63 entidades malagueñas asistentes ao workshop.

Segundo indican, estiveron moi interesadas nos atractivos turísticos do destino, nos valores que converten as Rías Baixas nun espazo singular fronte a outros lugares, así como na oferta hoteleira da provincia.

Pola súa banda, en Madrid detectaron un maior coñecemento do destino Rías Baixas entre as preto de 90 empresas participantes, con intereses máis concretos na oferta turística da provincia.

En liñas xerais, nos dous lugares o interese centrouse en integrar a oferta enoturística nos paquetes que as empresas e entidades que as cidades venden sobre o destino Rías Baixas.

Tamén sinalaron, entre outras cuestións, unha gran demanda das diferentes vías que atravesan a provincia de Pontevedra cara a Santiago e sobre a oferta dos castelos, concretamente de Sobroso e Soutomaior, tanto para viaxes culturais como para acoller congresos ou eventos.