A Deputación reclamará a Audasa o pago de 700.000 euros do IBI dos concellos polos que pasa a AP-9

Poio
11 de abril 2025

A Deputación tamén solicitará que se actualicen os valores sobre os que aplicar os coeficientes do IBI que ten que pagar Audasa

O presidente da Deputación cos alcaldes dos doce concellos da provincia polos que pasa a autoestrada AP 9 e que delegaron nesta administración a recadación do IBI.
O presidente da Deputación cos alcaldes dos doce concellos da provincia polos que pasa a autoestrada AP 9 e que delegaron nesta administración a recadación do IBI. /

A Deputación de Pontevedra reclamará á empresa concesionaria da autoestrada AP-9, Audasa, o pago de 700.000 euros do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) correspondente aos últimos catro meses do ano 2023.

Así o anunciou este xoves o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, no transcurso dunha reunión cos alcaldes dos doce concellos da provincia polos que pasa a autoestrada AP-9 e que delegaron nesta administración a recadación do IBI.

Son los concellos de Poio, Portas, O Porriño, Moaña, Barro, Caldas, Pontecesures, Meis, Vilaboa, Mos, Valga e Tui que delegaron esta xestión no ORAL, un órgano desconcentrado da Deputación de Pontevedra que se encarga de colaborar cos concellos na xestión, inspección e recadación dos tributos locais e outros ingresos de dereito público.

Segundo advertiu Luis López aos responsables de Audasa, na última semana de abril a Deputación reclamará os 700.000 euros que lles corresponden a estes concellos. "Teñen tres meses para facer o pago ou seguiremos facendo todo tipo de reclamacións", dixo.

Reunión de Luis López cos alcaldes
Reunión de Luis López cos alcaldes. Deputación de Pontevedra

Luis López recordou que a autoestrada AP-9 beneficiouse dunha bonificación do 95 % no IBI desde o ano 1972 ata agosto do ano 2023. No momento no que esa bonificación expirou, a través do ORAL a Deputación comezou a traballar para que os concellos polos que pasa esta autoestrada cobraran os impostos que lle corresponden. Deste xeito, a recadación polo IBI da AP-9 pasou de 100.000 euros ata os 2 millóns de euros anuais.

Segundo informou o presidente provincial, "a boa xestión da Deputación a través do ORAL xa lle repercutiu aos concellos un aumento da recadación de 1,9 millóns de euros".

"O ano 2024 xa está liquidado, pero hai catro meses do 2023 que non se pagaron", destacou.

Luis López informou que a Deputación tamén solicitará que se actualicen os valores sobre os que aplican os coeficientes do IBI.

"Xa está ben falar do que pagan os usuarios por utilizar a AP-9, é momento de reclamar beneficios para os veciños", defende López, quen insistiu noutras reclamacións provinciais, como a gratuidade da vía ou o desbloqueo do debate da transferencia a Galicia na Mesa do Congreso dos Deputados.