A Deputación pon en marcha a súa primeira liña de subvencións para as agrupacións de Protección Civil

Pontevedra
24 de marzo 2025

Os fondos, uns 100.000 euros, se aprobarán este vindeiro venres en Pleno, a través dunha modificación de crédito, para que os colectivos poidan atender as súas necesidades de material ou formación

Encontro coas agrupacións de Protección Civil na provincia
Encontro coas agrupacións de Protección Civil na provincia / Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto co deputado de Emerxencias e alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo, mantivo este luns no Salón de Plenos un encontro con voluntarios de Protección Civil da provincia no que presentou a primeira liña de subvencións para estas agrupacións, dotada con 100.000 euros.

"Sodes un colectivo polo que sentimos admiración, orgullo e gratitude", dixo o presidente da Deputación de Pontevedra.

Segundo explicou o mandatario provincial, os fondos se aprobarán este vindeiro venres en Pleno, a través dunha modificación de crédito, para que os colectivos poidan atender as súas necesidades de material ou formación.

Luis López destacou que estas agrupacións fan un servizo "esencial" para a seguridade e a "cohesión" do territorio e dixo que estas axudas que se poñen en marchar servirán para que o servizo de Protección Civil da provincia de Pontevedra "siga a ser punteiro e de referencia".

Trátase, segundo destacou, dunha liña de apoio "sen precedentes na institución provincial", onde o colectivo de voluntarios "nunca tivera a oportunidade de presentar as súas necesidades".

Luis López lembrou tamén que recentemente, o organismo provincial aprobou o primeiro convenio laboral e unha nova RPT para os traballadores dos catro parques de bombeiros que ten o Consorcio Provincial de Emerxencias. E destacou que a Deputación tamén ten en marcha un programa de mellora e modernización dos equipos, así foron entregados a finais do ano 2024 tres novos vehículos para o parque do Porriño.

Pola súa banda, o presidente do colectivo, Javier Lois, fixo fincapé en que "nunca antes conseguiramos reunirnos coa Deputación, estamos agradecidos de que nos abriran as portas para escoitar as nosas necesidades. É un logro histórico", afirmou.

Encontro coas agrupacións de Protección Civil na provincia
Encontro coas agrupacións de Protección Civil na provincia    Deputación de Pontevedra