Un total de 170 asociacións veciñais recibirán axudas por 1,6 millóns de euros do plan Provincia Comunitaria

Pontevedra
31 de outubro 2024

Estas subvencións irán destinadas a executar obras de acondicionamento, reforma ou ampliación de locais e outros espazos e adquirir equipamentos que melloren os seus servizos

Comparecencia de Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Comparecencia de Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra / Pontevedra Viva

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López deu conta este xoves dos asuntos abordados na Xunta de Goberno celebrada á primeira hora da mañá na que destacan os 1,6 millóns de euros para o plan Provincia Comunitaria.

Estas axudas beneficiarán a 170 asociacións, confederacións, federacións, unións e asociacións veciñais e asociacións de mulleres rurais de 44 municipios, que recibirán contías entre os 6.000 e os 10.000 euros.

Estas subvencións irán destinadas a executar obras de acondicionamento, reforma ou ampliación de locais e outros espazos e adquirir equipamentos que melloren os seus servizos.

As entidades terán seis meses para executar e xustificar as actuacións.

Tamén foi aprobada este xoves a listaxe das persoas admitidas no programa '+ Benestar' para gozar de estancias en balnearios, talasos ou spas de sete establecementos termais do Grove, Lalín, Mondariz e Sanxenxo.

A esta iniciativa destínanse máis de 220.000 euros e vanse a beneficiar 2.097 persoas maiores de 55 anos en réxime xeral cunha subvención de 100 euros e 30 prazas de réxime especial con 400 euros.

Luís López lembrou que tamén hoxe vai ser presentada en Sanxenxo unha actividade complementaria a esta iniciativa como é o programa 'Lecer en Familia', que ofertará 2.957 prazas para que os fogares con menores ao seu cargo poidan gozar de estancias en establecementos hoteleiros da provincia en tempada baixa.

As estancias serán dunha noite en fins de semana, períodos non lectivos ou véspera de festivo.

No ámbito social, o goberno provincial tamén aprobou a repartición de 470.000 euros entre 114 entidades sen ánimo de lucro de 23 concellos da provincia que recibirán axudas que oscilan entre os 1.000 e os 6.000 euros.

Beneficiaranse unhas 5.000 persoas de forma directa e 15.000 indirecta.

Luís López indicou que o obxectivo é fomentar iniciativas para mellorar a calidade de vida e a integración das persoas que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade.

DOCE DE NOVEMBRO

A Deputación tamén aprobou este xoves o convenio co Concello de Pontevedra para as obras de acondicionamento da parcela sobre a vía férrea da rúa Doce de Novembro.

Estas obras van estar financiadas na súa totalidade pola administración provincial, cun orzamento de 710.000 euros, e teñen que estar finalizadas antes de 31 de decembro de 2026.

Segundo explicou o presidente, habilitarase un novo espazo público na capital cun parque urbano accesible que recupera a parte traseira dos edificios da rúa Santa Teresa de Jesús Jornet.

"É unha proba máis da lealdade institucional e a colaboración que temos co Concello de Pontevedra por parte da Deputación", destacou Luís López.