A Deputación de Pontevedra mobilizou este venres 4,3 millóns de euros en materia de benestar social, investimentos en concellos, infraestruturas deportivas e estradas, segundo informou o vicepresidente Rafa Domínguez que compareceu nunha rolda de prensa para dar conta da Xunta de Goberno celebrada a primeira hora desta mañá.
Rafa Domínguez volveu a presidir este venres a reunión do goberno provincial. Se a pasada semana o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, estaba nunha viaxe oficial en Xapón nesta ocasión o titular da administración provincial participou en Palma de Mallorca na sexta edición da Conferencia de Presidencias de Deputacións Provinciais, Cabildos e Consellos Insulares.
O goberno provincial destina máis de 1,1 millóns de euros á estrada EP-9302 Xil-As Covas-Barrantes. A Deputación vén de adxudicar as obras de mellora da seguridade deste vial que comunica os concellos de Meaño e Ribadumia.
As obras consistirán na reposición do firme, arranxo da drenaxe e nova sinalización, coa finalidade de "salvagardar a debida prestación do servizo público viario".
Ao segundo Plan de Infraestruturas Deportivas destinouse este venres 1,3 millóns de euros que terán como beneficiarios os municipios de Meaño (85.000 euros) para a substitución de caleiros, baixantes, un portal e a dotación de megafonía no pavillón municipal de Dena; Campo Lameiro (85.000 euros) para a mellora da eficiencia enerxética do pavillón municipal; Agolada (90.000 euros) para obras nas instalacións do polideportivo; Ribadumia (105.000 euros) para cambiar a cuberta e insonorizar o pavillón de Barrantes; e Vilaboa (110.000 euros) para unha pista de pump track que substituirá a zona de xogos infantís instalada na actualidade e que se atopa en desuso na antiga Canteira das Lapas, en Paredes.
Este segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas está dotado de oito millóns de euros "o dobre que na súa primeira edición" cos que a institución provincial está a "transformar e modernizar os equipamentos deportivos da provincia", destacou o vicepresidente.
De novo, o Plan +Provincia 2025 destina máis cartos para os concellos. Nesta ocasión son preto de 1,8 millóns.
Entre os beneficiarios está Salceda de Caselas (175.000 euros) para o saneamento de Entenza; Soutomaior (230.000 euros) para a reforma do Salón de plenos e o acondicionamento da contorna do Concello; Salvaterra de Miño (260.000 euros) para a humanización e mellora dun parque infantil; O Porriño (90.000 euros) para destinar a actividades sociais e 515.000 euros para que os concellos de Cambados, Oia e O Porriño contraten a 43 personas desempregadas ao abeiro da liña 3 de emprego deste Plan.
Por último, tamén se aprobou destinar 145.000 euros ao programa Provincia Activa que busca promover actividades que xeren espazos de encontro e intercambio de experiencias para as persoas maiores. Participarán 130 entidades de 40 concellos cunha participación estimada total de 3.000 persoas de máis de 50 anos. Aprobáronse 276 solicitudes, 26 máis que o ano pasado, das que 146 quedan en lista de agarda.