A Deputación pon a disposición dos concellos máis de 91 millóns de euros en plans de investimento

Pontevedra
10 de outubro 2024
Actualizado: 16:51

Luís López convocou os alcaldes da provincia para anunciarlles unha serie de "importantes novidades" que fan que este xoves sexa "un día de moi boas noticias"

Presentación dos investimentos municipalistas na Deputación
Presentación dos investimentos municipalistas na Deputación /

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, presentou os plans de investimentos municipalistas para 2025 que porán a disposición dos concellos 91,2 millóns de euros.

Acompañado de todos os membros do goberno provincial nun acto celebrado no Salón de Plenos da Deputación, Luís López convocou por terceira vez neste mandato aos alcaldes dos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para anunciarlles unha serie de "importantes novidades" que fan que este xoves sexa "un día de moi boas noticias".

En primeiro lugar, Luís López asegurou que os orzamentos da Deputación de Pontevedra para 2025 serán aprobados "en tempo e forma a 1 de xaneiro".

Como segunda novidade, estes orzamentos aumentarán até os 48,2 millóns de euros a cantidade destinada ao denominado Plan +Provincia, o Plan de obras e servizos de competencia municipal de carácter anual e financiado con fondos propios da Deputación.

Ademais a +Provincia será "máis flexible" pois permitirá afrontar investimentos plurianuais.

Luís López confesou que sente especialmente "satisfeito, orgulloso e identificado" co Plan de Infraestruturas Deportivas que para o próximo ano disporá do dobre de orzamento alcanzando os 8 millóns de euros. Isto permitirá que cada concello reciba unha contía fixa de 75.000 euros.

Por último, a Deputación de Pontevedra lanza o Plan Extra – Plan Provincia Extraordinaria. Está dotado con 35 millóns de euros para que os concellos financien investimentos de "carácter estratéxico".

O presidente provincial destacou que "nunca esta casa puxo antes nun só ano tantos recursos ao servizo do municipalismo" con estes 91,2 millóns de euros que suman os plans que porá en marcha a Deputación para o próximo ano.