A Deputación mantén a Rede Smartpeme+ e as oficinas Acelera Peme Rural

Pontevedra
24 de outubro 2024

A administración provincial destina a este contrato 1,8 millóns de euros. O PSdeG-PSOE criticara o goberno da Deputación polo "inaudito peche" destas oficinas

Viveiro de empresas de Barro
Viveiro de empresas de Barro / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra aprobou o expediente para contratar o servizo de evolución e xestión da Rede Smartpeme+ e das oficinas Acelera Peme Rural.

O presidente da administración provincial, Luís López deu conta en rolda de prensa dos asuntos abordados na Xunta de Goberno celebrada á primeira hora da mañá deste xoves entre os que destacou esta contratación á que se destinan 1,8 millóns de euros entre este ano e o 2025.

O grupo provincial do PSdeG-PSOE criticara o goberno provincial polo "inaudito peche" destas oficinas e levará o asunto ao Pleno deste venres nunha moción.

Smartpeme+ é unha rede de oficinas situadas en Barro, Lalín, O Porriño e Vigo, atendidas por asesores especialistas, onde se presta un servizo de información e asesoramento gratuíto, presencial e personalizado sobre o TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), as Novas Tecnoloxías e a mellora da competitividade empresarial.

As Oficinas Acelera Peme Rural están situadas en Cambados e Ponteareas e son puntos de atención personalizada e asesoramento para a transformación dixital das pequenas e medianas empresas.

Xunta de Goberno Provincial
Xunta de Goberno Provincial

ESCOLAS DE MÚSICA E CLUBS DEPORTIVOS

Ademais a Deputación de Pontevedra aprobou este xoves a repartición de 100.000 euros entre 26 escolas de música xestionadas por asociacións sen ánimo de lucro de 20 concellos da provincia, que recibirán entre 2.500 e preto de 5.000 euros.

Trátase dunha liña de axudas, dotada con 10.000 euros máis que o ano pasado, que permitirá ás escolas de música financiar, entre outros, gastos de persoal, de material ou de reparación e conservación dos seus locais.

O goberno provincial tamén deu luz verde ás axudas para clubs deportivos que participen en competicións oficiais de ámbito estatal. Beneficiaranse 80 clubs de diferentes disciplinas de 25 concellos da provincia.

As achegas van desde os 900 até os 30.000 euros e poderán subvencionarse gastos federativos, de competicións e adestramento de persoas, de material deportivo e sanitario.