A Deputación incentiva o emprego en Barro, O Grove ou Ribadumia co apoio á contratación de 54 persoas

O Salnés
04 de abril 2025
Actualizado: 14:12

Aproban que o Plan +Provincia, "o plan máis ambicioso da historia da Deputación", mobilice esta semana 1,8 millóns de euros para que 11 concellos impulsen investimentos e contraten persoal

Xunta de Goberno da Deputación Provincial
Xunta de Goberno da Deputación Provincial / Deputación de Pontevedra

O Plan +Provincia, "o plan máis ambicioso da historia da Deputación", en palabras do seu presidente, Luís López, mobilizará esta semana 1,8 millóns de euros. 

López deu a coñecer a cifra despois da reunión da Xunta de Goberno da Deputación, que aprobou estes fondos, que van permitir que 11 concellos impulsen investimentos e contraten persoal.

O presidente sinalou que o goberno provincial "avanza, unha semana máis, no reparto de fondos" do +Provincia, que xa leva distribuídos 16,5 millóns de euros neste 2025 entre os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.

A través da liña 3, de activación de emprego, do +Provincia, os municipios de Barro, O Grove, Ribadumia, A Cañiza e Moaña reciben 762.406 euros para contratar a 54 persoas desempregadas.

Barro recibirá 98.505 euros para que 7 persoas desempeñen as funcións de peóns de parques e xardíns (5), peón de transporte en xeral (1) e condutor en xeral (1).

O Grove terá 132.007 euros para que 14 persoas desempeñen as funcións de peóns de obra pública (4), peóns de limpeza (3), condutores (3), peóns de xardinería (2), animador sociocultural (1) e auxiliar de museo (1). 

Para Ribadumia, destinarán 192.659 euros para contratar a 6 persoas desempregadas como peóns de obras públicas (3), albanel (1), monitor de tempo libre (1) e técnico de administración xeral (1).

Por outra banda, a través da liña 1, de investimentos, haberá fondos para Barro, Cambados, Meis, Mondariz, Valga, Moaña, Salvaterra de Miño e Ponteareas

Barro recibe 64.806 euros para completar o financiamento das obras de mellora dos accesos ao parque da natureza de Barosa, que conta xa con 367.234 euros do Plan Extra.

Cambados terá 197.994 euros para o proxecto de reforma e posta en valor do Pazo Torrado e os seus xardíns, que conta tamén con 500.000 euros do Plan Extra.

 Meis terá 72.499 euros para a humanización da rúa Igrexa desde a praza de España ata a conexión coa EP-9402,que recibiu 410.823 euros do Plan Extra.

ILUMINACIÓN DA ESTRADA XESTEIRA-ALMOFREI 

A Xunta de Goberno tamén aprobou o proxecto para avanzar na reforma para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil mediante a iluminación pública da estrada provincial EP-0405 Xesteira-Almofrei, en Cerdedo-Cotobade.

A actuación afecta ao primeiro quilómetro e medio da estrada e ten un orzamento de 260.000 euros, dos que a Deputación achega o 70% e o Concello o 30% restante.

EQUIPAMENTOS DEPORTIVOS EN SANXENXO

A Deputación tamén aprobou novas achegas por valor de máis de 250.000 euros do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para que Lalín, O Rosal e Sanxenxo realicen melloras en diferentes equipamentos deportivos.

Sanxenxo contará con 125.000 euros para executar tres proxectos diferentes nos campos de fútbol.

Recibe 34.661 euros para cambiar as carpinterías interiores, concretamente as portas, dos campos de fútbol do Revel, A Lanzada e Baltar de Arriba; 38.970 euros para substituír a iluminación existente na actualidade no campo do Revel co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética; e 51.976 euros que tamén permitirán mellorar a iluminación en Baltar de Arriba.