A Deputación se encargará de financiar integramente a actuación de mellora dos accesos ao Parque da Natureza do Río Barosa, cun orzamento de máis de 430.000 euros.
Así o anunciou este xoves o deputado provincial Ricardo Martínez ao alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, nunha visita a este espazo público.
Martínez lembrou que para esta actuación a Deputación de Pontevedra xa comprometera 367.000 do Plan Extra Provincia Extraordinaria.
Este venres, en Xunta de Goberno, se aprobarán outros 65.000 euros do Plan +Provincia para completar o orzamento e financiar o 100% da mellora dos accesos.
Martínez deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que permitirán a Barro crear espazos públicos máis seguros, amables e de calidade e avanzar no fomento dunha mobilidade inclusiva e sostible.
Nestes momentos, o acceso actual ao Parque da Natureza do Río Barosa está pensado unicamente para a circulación de vehículos, polo que a maioría dos visitantes que se achegan a pé teñen que convivir nesta vía con evidentes problemas de seguridade.
Deste xeito, cos recursos provinciais crearase unha contorna de mobilidade segura para os peóns que contempla itinerarios seguros, tanto peonís como para bicicletas.
Tamén se porá en valor o parque e mellorarán os servizos cunha nova canalización de augas pluviais e rede de iluminación pública con tecnoloxía LED.