O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, entregou este martes tres oficinas do Viveiro de empresas do polígono de Barro a tres emprendedores con proxectos vencellados aos sectores da conserva e da tecnoloxía.
Os seus promotores desfrutarán destas instalacións durante o vindeiro ano cunha cota mensual reducida e asesoramento por parte dos técnicos do viveiro.
Un dos beneficiarios destas oficinas é Heliodoro Augusto Sueiro, representante da empresa Conservas Artesanas, orientada ao comercio ao por maior e ao por menor de produtos alimentarios do mar e que xa estaba instalada no viveiro, pero precisaba ampliar o seu espazo para destinalo a almacén.
Pola súa banda, Joaquín Rivas porá en marcha un proxecto de comercialización de conservas de peixe e mariscos.
Mentres que David Rodríguez centrará a súa actividade na artesanía e consultoría para o deseño 3D e a formación nesta materia.
Segundo informou Luis López, máis de 75 empresas deron os seus primeiros pasos neste Viveiro de Barro dende que abriu as súas portas hai xa máis de dez anos.
Actualmente, están ocupadas as 16 naves e 19 das 24 oficinas. Ademais, hai tres empresas en lista de espera para entrar no viveiro e están dispoñibles tres espazos de coworking.

POLÍGONO EMPRESARIAL
O presidente da Deputación aproveitou este acto para facer un repaso da situación do polígono empresarial de Barro que conta cunha ocupación do 80 % e só 14 parcelas dispoñibles.
Segundo destacou Luis López, este é "un parque empresarial de éxito, tanto no viveiro coma no polígono" que sinalou como "un referente".
O polígono empresarial de Barro Meis tamén recibiu un importante impulso por parte da Deputación coa instalación neste recinto do Parque de Maquinaria, desde onde se coordinan todas as obras que o ente provincial desenvolve nos concellos e estradas da provincia. Un proxecto completado o ano pasado despois dun investimento de 2,75 millóns de euros e que permitiu a liberación dun espazo natural na contorna da Xunqueira de Alba, en Pontevedra, nun proceso de renaturalización no que a Deputación investiu 1,5 millóns de euros.