Deputación encarga un estudo "exhaustivo" sobre as emerxencias na provincia

Pontevedra
25 de xaneiro 2018

Coñecer dun xeito "obxectivo, rigoroso e independente" a situación das emerxencias en toda a provincia. Con ese obxectivo, a Deputación de Pontevedra anunciou a contratación dunha consultora externa que revise o sistema e analice se coa comarcalización dos parques de bombeiros de Vigo e Pontevedra se solucionarían as actuais deficiencias

Intervención da Policía Local e os bombeiros na rúa Joaquín Costa
Intervención da Policía Local e os bombeiros na rúa Joaquín Costa / Mónica Patxot

Coñecer dun xeito "obxectivo, rigoroso e independente" a situación das emerxencias en toda a provincia. Con ese obxectivo, a Deputación de Pontevedra anunciou a contratación dunha consultora externa que revise o sistema e analice se coa comarcalización dos parques de bombeiros de Vigo e Pontevedra se solucionarían as actuais deficiencias.

Aínda que xa existe un estudo similar, elaborado polo xerente do consorcio provincial contra incendios, o goberno que preside Carmela Silva espera que a contratación desta empresa acabe co "cuestionamento" expresado pola Xunta sobre o primeiro informe.

O informe desta empresa especializada deberá estudar "co máximo rigor" a situación do actual mapa de emerxencias da provincia de Pontevedra, das súas necesidades e de analizar con todo tipo de datos o modelo que quere aplicar o goberno de Núñez Feijóo, "dada a falta de contidos e datos obxectivos que ofrece ata o momento a proposta do executivo galego".

De feito, o goberno de Carmela Silva solicita un estudo "o máis exhaustivo posible" sobre a cobertura que ofrecería o modelo que pretende a Xunta e sobre as zonas de sombra que afectarían a varios concellos da provincia, das que xa informou o informe realizado polo xerente do consorcio provincial contra incendios.

O traballo encargado pola Deputación deberá incluír un estudio económico en profundidade para coñecer os recursos que serían necesarios para aplicar o modelo anunciado pola Xunta e ver se sería efectivo e daría unha solución "obxectiva" á actual problemática do mapa de emerxencias.

Esa avaliación dos custos económicos reais deberá engadir a posible necesidade de novos recursos humanos, recursos técnicos e materiais e de novos equipamentos.

Con esta medida o goberno da Deputación quere despexar as dúbidas sobre a viabilidade do modelo que pretende a Xunta de Galicia para a provincia de Pontevedra, un anuncio que ata o momento "non vai máis aló dun simple enunciado xa que non presentou contido algún, nin informes que o avalíen técnica e economicamente". 

O executivo provincial agarda que o presidente da Xunta se reúna cos alcaldes de Vigo e Pontevedra para analizar a súa proposta de modificación do actual mapa de emerxencias, "un mapa que foi deseñado por Alfonso Rueda e Rafael Louzán e que o propio vicepresidente recoñece como un fracaso cando agora tenta plantexar con fume a súa modificación".