A Deputación de Pontevedra e o Consello Superior de Investigacións Científicas asinaron este xoves un convenio a través do cal ambas as institucións comprométense para o traballo conxunto na posta en valor da investigación e da ciencia, así como o coidado da biodiversidade para evitar problemas presentes e futuros. Concretamente, o acordo está pensado para a realización dun estudo sobre os produtos tradicionais locais da provincia.
Na firma do acordo participaron a presidenta do ente provincial, Carmela Silva; a vicepresidenta de Organización e Relacións Institucionais do CSIC, Rosina López-Alonso; e a deputada encargada do departamento de Transición Ecolóxica, Iria Lamas.
"Sempre foi unha institución imprescindible e orgullo de país pero, agora nestes tempos de Covid-19 é fundamental que o discurso da ciencia chegue á cidadanía”, declarou a mandataria socialista para subliñar a importancia do CSIC.
Sobre o acordo, Silva sinalou que "está moi relacionado co cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030 que é unha prioridade de goberno e vainos a permitir investigar sobre produtos galegos propios da nosa provincia, saudables e de proximidade”.
Desde o CSIC, subliñaron a importancia da investigación para facer fronte a novas necesidades e crises. "A imaxe da investigación revalorizouse coa pandemia terrible que vivimos pero non ten que ser por moda, ten que quedar para sempre”, remarcou López-Alonso. En referencia ao estudo encargado explicou que terá unha incidencia directa en temas como a agricultura, a gastronomía e tamén nas tradicións e cultura de Galicia.
O convenio asinado entre a Deputación e o CSIC, a través da Misión Biolóxica, ten un importe de 50.000 euros. Permitirá impulsar unha investigación sobre produtos autóctonos e tradicionais galegos como as coles, brócoli, nabicol, millo corvo, leguminosas, vides ou oliveira.
O CSIC analizará a través de ensaios en campo, invernadoiros e cámaras de crecemento a viabilidade das colleitas, o efecto do clima no seu desenvolvemento, a posibilidade de multiplicar variedades con pouco poder germinativo ou a forma de conservar esta biodiversidade.