A Deputación cifra en máis de 27 millóns de euros o investimento este ano na capital e a súa contorna

Pontevedra
03 de decembro 2024
Actualizado: 14:44

O mandatario provincial fixo balance da acción de goberno no último ano nun almorzo informativo celebrado este martes no Museo de Pontevedra con medios de comunicación

Luis López, Rafa Domínguez, María Ramallo e Jorge Cubela
Luis López, Rafa Domínguez, María Ramallo e Jorge Cubela / Mónica Patxot

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, destacou o investimento de máis de 27 millóns de euros feita este ano na capital da provincia e os concellos da contorna (Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Marín, Poio, Ponte Caldelas e Vilaboa).

O mandatario provincial fixo balance da acción de goberno no último ano nun almorzo informativo celebrado este martes no Museo de Pontevedra con medios de comunicación da capital e no que tamén participaron os deputados provinciais María Ramallo, Rafa Domínguez e Jorge Cubela.

Luís López enumerou os 2,5 millóns de euros en convenios co concello da capital. Ademais citou os 5,9 millóns en investimentos do plan +Provincia, os 500.000 euros no Plan de Infraestruturas Deportivas, os 1,5 millóns no PON2030. En actuacións en infraestruturas foron 5,4 millóns e outros 14 millóns de euros na cidade de Pontevedra.

Ademais, segundo sinalaron, a Deputación colaborou con 225.000 euros para apoiar 145 actividades ou entidades deportivas, e máis de 320.000 euros en apoiar preto de 450 entidades culturais e inxectou 640.000 euros para apoiar a 70 asociación veciñais ou comunidades de usuarios de augas.

Tamén foron 3,2 millóns en obras no Centro Príncipe Felipe para a súa modernización, 4,5 investidos no novo Parque de Maquinaria e tamén citou Luís López outras "accións de futuro " como a Bienal de Arte (1,1 millóns de euros) ou as obras previstas no Palacete das Mendoza (450.000 euros).

O vicepresidente Rafa Domínguez destacou que "nunca a Deputación investiu tanto en Pontevedra" con 14,7 millóns mobilizados en distintos proxectos como os dos viarios de acceso a Montecelo, de Mollavao ou Doce de Novembro, a renaturalización da Xunqueira de Alba, a reforma da Praza de Barcelos ou a redacción do proxecto básico de Santa Clara para converter o antigo convento na sétima sede do Museo.

Estes recursos, segundo manifestou, "desembocarán nunha Pontevedra con infraestruturas do século XXI". Rafa Domínguez considera que a Boa Vila "avanza para ser un referente cultural internacional" e faino "da man dunha institución provincial comprometida coas súas veciñas e veciños", dixo o vicepresidente.

Ademais destacou a lealdade e boa relación institucional existente co goberno local do BNG.

O proxecto de Santa Clara e a Bienal de Arte suporán un investimento da Deputación moito maior en Pontevedra, así como a interconexión dos edificios centrais do Museo de Pontevedra "ou o noso papel na organización dos Premios Feroz que auguran un 2025 prometedor", destacou o vicepresidente provincial.

Por último, Luís López puxo en valor o labor do seu equipo de goberno, facendo fincapé na importancia que teñen as áreas de Cooperación, Cultura e Mocidade e Reto Demográfico, que dirixen María Ramallo e Jorge Cubela.