O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López anunciou a aprobación dun total de 4,4 millóns en materia de benestar social que chegarán a toda a provincia a través de tres liñas de actuación diferentes.
Este foi un dos asuntos aprobados este venres na Xunta de Goberno Provincial da que deu conta en rolda de prensa.
Segundo explicou Luís López, por unha banda destínanse 500.000 euros á liña de axudas para que entidades sen ánimo de lucro realicen actuacións no ámbito social, outros 830.000 euros son para a prestación das Axudas Básicas de Emerxencia e preto de 3,1 millóns de euros para o Plan de Cofinanciación dos servizos sociais comunitarios municipais.
Luís López destacou que son 260.000 euros máis que a cantidade destinada a estas tres liñas o ano pasado porque "para nós estas son unhas axudas imprescindibles", asegurou.
Entre outros asuntos destacados, a Deputación de Pontevedra tamén aprobou destinar 730.000 euros para que seis concellos da provincia impulsen novos investimentos, afronten gasto corrente e contraten a 28 persoas no marco do Plan +Provincia.
En concreto, a Xunta de Goberno aprobou 340.000 euros para que os concellos de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén e Ponteareas poidan contratar a 28 persoas desempregadas. No caso da liña destinada a gasto corrente, a Deputación aprobou 200.000 euros para os concellos da Illa de Arousa e Marín. Por último, para investimentos aprobáronse 190.000 euros para Ponteareas e Salceda de Caselas.
Tamén se incrementou en 10.000 euros máis, até chegar aos 100.000 euros, a cantidade destinada para que entidades sen ánimo de lucro poidan editar obras en galego.
Poderán recibir entre 3.500 e 10.000 euros para financiar a edición de publicacións, libros e audiovisuais que teñan a finalidade de difundir traballos de interese cultural. Estas achegas concederanse en réxime de concorrencia competitiva.
E finalmente, Luís López anunciou que a Deputación de Pontevedra investirá 260.000 euros para mellorar a iluminación pública da estrada provincial EP-0405 Xesteira-Almofrei. A Xunta de Goberno aprobou este venres este novo convenio de colaboración co Concello de Cerdedo-Cotobade.
O obxectivo é mellorar a iluminación nos itinerarios peonís e na zona de tránsito motorizado no primeiro quilómetro e medio desta estrada, unha actuación que se suma ao preto dun millón de euros que se está investindo xa na mellora da mobilidade da vía.
Ademáis a Deputación concedeu unha achega de 160.000 euros a Vilagarcía de Arousa para reformar a pista de atletismo de Fontecarmoa. Trátanse de recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 8 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Con máis de 310.000 euros, Vilagarcía é o concello que máis recursos recibe deste Plan. Na primeira edición recibiu ademais 206.000 € para repoñer o céspede artificial no campo de Berdón e instalar unha pantalla LED na Lomba e asentos en Fontecarmoa.