A Deputación de Pontevedra aprobará este venres o novo convenio por 1,3 millóns de euros para financiar o vial de Mollavao, segundo adiantou o vicepresidente da administración provincial, Rafa Domínguez.
O custo do futuro viario incrementouse nun 36,3 % xa que o orzamento inicial era de 940.000 euros
O financiamento desta estrada, xunto á rehabilitación interior da Casa Consistorial e o proxecto para crear un parque na plataforma sobre as vías do tren en Doce de Novembro, son o tres convenios asinados no seu día entre o Concello de Pontevedra e a Deputación para executar diversas obras promovidas polo goberno local con cargo aos recursos provinciais.
"Foi froito dunha negociación conxunta desde a boa vontade das dúas partes", comentou o vicepresidente.
Rafa Domínguez, nunha visita este luns ao coñecido como solar dos circos, puxo en valor a colaboración entre administracións para, neste caso, sacar adiante este viario "tan necesario" de 97 metros de lonxitude que conecta a rúa Rosalía de Castro coa Avenida de Marín e que inclúe a construción de dúas rotondas.
Debido, entre outras cuestións, a que non chegou a tempo a autorización de Costas do Estado foi necesario aprobar un novo convenio.
O Concello comezou a tramitala no ano 2018 e Costas tardou seis anos en dar o permiso, ata que o esixiu o BNG para apoiar a investidura de Pedro Sánchez. "Iso atrasou todo dunha forma tan dramática que se incumprían os prazos", sinalou.
O novo convenio terá un prazo de dous anos e posibilidade de prórroga por un ano máis, até o 31 de marzo do ano 2027. "É absolutamente fundamental que os prazos se cumpran", subliñou Domínguez.
Será necesario volver pedir autorización do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) pois o ramal do tren ao Porto de Marín discorre por esta zona. O atraso do permiso de Costas provocou que caducase ese trámite.
O Concello pretende licitar conxuntamente o viario e a reforma de Rosalía de Castro e Simón Bolívar, co fin de coordinar os traballos.
Rafa Domínguez sinalou a "satisfacción" que lle produce este proxecto e engadiu que "espero que o Concello sexa áxil, dígoo de verdade, estou a xogar en casa, como vos dicía eu son veciño de Mollavao".
A nova estrada cruzará a parcela dos circos, unha franxa de dominio público marítimo-terrestre que terá que ser renaturalizada antes de iniciar a execución da obra do viario.
O Servizo Provincial de Costas iniciou o procedemento para demoler unha vella caseta de formigón situada neste terreo construído sen licenza no ano 1980 para uso industrial.