A Deputación anuncia obras no Centro Vacacional da Lanzada

O Salnés
28 de marzo 2025

Entre outras reformas procederase á demolición do graderío do anfiteatro existente para construír unha nova bancada natural

Luis López visitou o Centro Vacacional da Lanzada
Luis López visitou o Centro Vacacional da Lanzada / Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anuncia obras de mellora no Centro Vacacional da Lanzada que o ente provincial ten en San Vicente, no concello do Grove, por valor de máis de 300.000 euros.

"Son medidas encamiñadas a proporcionar as mellores infraestruturas posibles para os veciños e veciñas da provincia, que virán desfrutar destes campamentos procedentes de todos os concellos da provincia, para que poidan ter unha vivencia inolvidable", explicou o presidente López o obxectivo das obras despois de percorrer as instalacións do centro acompañado polo deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola, e técnicos da Deputación.

Con cargo ao orzamento do ano 2024 executaranse traballos valorados en 157.000 euros, que se centrarán na automatización do sistema de rego (12.800 euros), na mellora do sistema de recollida de augas pluviais a través da substitución de colectores, arquetas, a construción dun pozo e a repavimentación das zonas afectadas (31.000 euros), a substitución do material da cuberta dos vestiarios (48.200 euros) e a adecuación da fachada do edificio do comedor (66.400 euros).

"Non quedamos aí e este venres incluímos unha modificación de crédito de 150.000 euros para seguir facendo melloras na Lanzada", adiantou o dirixente.

Deste xeito, procederase tamén á demolición do graderío do anfiteatro existente para construír unha nova bancada natural aproveitando a orografía do terreo, á renovación exterior dos bungalows e á substitución das carpinterías da nave dos vestiarios. 

NOVA EDICIÓN DOS CAMPAMENTOS

Con motivo desta visita, lembrou o mandatario provincial que os preparativos para unha nova edición dos campamentos de verán da Lanzada xa están en marcha.

Este luns pechouse o prazo de presentación de solicitudes e as estimacións iniciais apuntan, un ano máis, a unha moi alta demanda.

Segundo os datos provisionais do servizo, recibíronse un total de 3.103 solicitudes de proxenitores, o que significa que hai arredor de 4.000 rapaces da provincia nacidos entre os anos 2012 e 2017 agardando por unha das 1.540 prazas dispoñibles.