O goberno municipal de Pontevedra quere trasladar á coñecida como nave de Fenosa, onde prevé construír o novo edificio de emerxencias, o depósito do guindastre. Así o avanzou este xoves a tenente de alcalde, Eva Vilaverde.
As instalacións actuais, que están nunha parcela lindeira aos terreos que adquirirá o Concello, integraríanse así en todo este complexo municipal.
A integración destas dependencias no futuro edificio municipal de emerxencias levou ao Concello a prorrogar o actual contrato de xestión do servizo do guindastre, en mans da compañíaSetex-Aparki, nove meses máis para poder "seguir traballando" neste proxecto.
"Imos tentar que esta prórroga sexa a última", sostivo a tenente de alcalde, que explicou que o novo contrato poderase licitar cando a administración municipal peche definitivamente o expediente de compra dos terreos para este novo equipamento.
O Concello confía que o custo anual deste contrato se reduza, xa que os terreos do actual depósito tenos alugados a concesionaria e os novos serán de propiedade municipal, polo que non terán que pagar por usalos.
En todo caso, o que aínda non está claro é se a licitación deste novo contrato obrigará á empresa adxudicataria a asumir os traballos necesarios para adecuar a nave que ocuparán en todo este complexo ou se toda a reurbanización asumirana as arcas municipais.
Este non é o único uso confirmado que terán os terreos da Rúa Camposanto, xa que Eva Vilaverde asegurou que o futuro edificio municipal de emerxencias tamén reservará espazo para actuar como garaxe para os vehículos históricos do parque de bombeiros.
Ademais, o Concello valorará outros usos para parte deste complexo, entre eles como nova sede para a brigada municipal de obras, actualmente situada en Campañó, que contaría cun maior espazo para albergar as súas instalacións, sobre todo para almacéns e talleres.
ROUPA E UNIFORMES PARA A POLICÍA LOCAL
A Xunta de Goberno acordou ademais adxudicar á empresa Sagres o novo contrato para a subministración de roupa e uniformes da Policía Local. Trátase dun acordo por dous anos, prorrogable un máximo doutros dous, polo que recibirá 198.000 euros anuais.
O obxectivo deste contrato, segundo Vilaverde, é que os integrantes deste corpo policial teñan á súa disposición os recursos necesarios para actuar "da mellor maneira posible". Pontevedra é, segundo engadiu, un concello "modélico" nesta materia.