"Depomar" pon en marcha accións para reforzar o liderado e o empoderamento das mulleres profesionais do mar

Pontevedra
13 de agosto 2021

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres as accións que a administración provincial vai levar a cabo neste mes de agosto para promover o proxecto "Depomar" iniciado o pasado mes de marzo

Presentación das accións do proxecto Depomar
Presentación das accións do proxecto Depomar /

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres as accións que a administración provincial vai levar a cabo neste mes de agosto para promover o proxecto "Depomar" iniciado o pasado mes de marzo.

A través deste proxecto a Deputación pon en marcha accións de sensibilización e de comunicación como un código boas prácticas, recursos audiovisuais, unha campaña concienciación ou unha xornada técnica.

Este proxecto "Depomar" pretende fomentar a sensibilización ambiental e a conciencia ecolóxica entre diferentes sectores (pescadores, mariscadoras, outros profesionais do mar, turistas, empresariado, etc.) e a cidadanía en xeral, con respecto aos impactos do ser humano e á importancia da protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños en espazos Rede Natura 2000.

"Depomar" tamén busca reforzar o liderado e o empoderamento das mulleres profesionais do mar. Valorizar e dar visibilidade á profesión da muller mariscadora, reforzando a sustentabilidade do sector de marisqueo a pé, a identidade territorial e o valor das zonas costeiras Rede Natura 2000.

"O papel da muller é fundamental na sociedade, por iso hai que darlle voz", dixo Carmela Silva nesta presentación na que estivo acompañada de patroa maior da confraría de Vilanova de Arousa, María José Vales; a presidenta da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca ( ANMUPESCA), Rita Míguez de la Iglesia; a presidenta da Asociación cultural Mulleres do Mar de Poio, Raquel Gómez; e a vicepresidenta da Agrupación de Mariscadoras de Redondela e da Asociación de Turismo Mariñeiro Marcusmar, Nuria Novelle.

Segundo os datos de pescadegalicia facilitados en rolda de prensa pola presidenta da Deputación en Galicia hai 3.792 mariscadores a pé; deles 2.722 son mulleres (71.78%) sendo o 62.64% de provincia de Pontevedra. 

Carmela Silva destacou que as mariscadoras son axentes sociais activos con importante labor non só para actividade pesqueira senón tamén en conservación de espazos naturais protexidos onde faenan.