'Depoaventura' aposta pola igualdade este 2023

Pontevedra
04 de maio 2023

A Lanzada prepárase para acoller os campamentos de Depo Aventura, que se desenvolverán en once quendas de sete días entre o 25 de xuño e o 9 de setembro. A Deputación vén de cubrir todas as prazas ofertadas, que foron adxudicadas ao estudantado de 58 concellos da provincia de Pontevedra

Campamentos Depoaventura
Campamentos Depoaventura

A Lanzada prepárase para acoller os campamentos de Depo Aventura, que se desenvolverán en once quendas de sete días entre o 25 de xuño e o 9 de setembro. A Deputación vén de cubrir todas as prazas ofertadas, que foron adxudicadas ao estudantado de 58 concellos da provincia de Pontevedra.

Máis de 1.000 escolares gozarán dunha programación que, entre outras actividades, inclúe unha visita á Illa de Ons. A maioría dos participantes proceden das comarcas de Vigo, Pontevedra e O Salnés.

Baixo o nome de 'A Lanzada, un paseo pola historia', os campamentos fomentarán a igualdade de xénero, a inclusión, a aprendizaxe de inglés, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a lingua de signos, o respecto e o coñecemento da natureza e da contorna. Proximamente tamén se realizará un obradoiro para escoller a mascota oficial deste programa provincial.

A Deputación destaca que, da cifra total, reserváronse 131 prazas para menores en risco de exclusión social correspondentes aos concellos, ao alumnado do Centro Príncipe Felipe e a aqueles que están en situación de tutela e garda administrativa doutros centros da provincia. As prazas restantes adxudicáronse vía sorteo a diversas familias, que recibirán unha notificación no seu teléfono móbil da súa inclusión no programa.