O PSOE de Cerdedo-Cotobade denunciou este venres a presenza dun vertido na zona de baño de Fontiña Vieita, na parroquia de Borela.
Os socialistas levan anos denunciando o "mal funcionamento" do saneamento na parroquia de Borela e o seu impacto nesta zona de baño moi usada por nenas e nenos durante o verán.
Nos últimos días, volveron detectar un episodio, con acumulación de refugallos na superficie da auga, na que se podía apreciar "escuma, graxa e mal cheiro".
Os socialistas sinalaron a través dun comunicado que algunhas veciñas e veciños puxeron a situación en coñecemento do goberno local de Cerdedo-Cotobade e critican que "non se buscou unha solución" a este problema medioambiental.
Segundo critican, o único que se fixo foi "despexar o leito do río para que a escuma circulase río abaixo".
A voceira socialista, Ana Couto, denuncia que a situación é "insoportable" e "require dunha solución definitiva xa" ante un vertido que se produce de forma "continua".
Para Couto, esta situación é resultado dos "servizos deficitarios" polos que o alcalde, Jorge Cubela, "pretende cobrar cada vez máis impostos e taxas".