Iván Pérez é un veciño da parroquia pontevedresa de Lourizán que realiza denuncias de verteduras en diferentes puntos do Concello de Pontevedra. Representante da Comunidade de Montes de Lourizán e de Zume Nova alerta da aparición dunha "escandalosa" vertedura de materiais no monte Catadoiro, entre o límite de Lourizán e Salcedo.
Sinala que un camión de voluminosos con restos de mobles, portas, calefactores e electrodomésticos abandonou todo este material no medio dunha pista forestal.
Engade que a esta situación súmanse outras verteduras de pneumáticos de coches, problema que se reproduce de forma reiterada. Indica que máis de tres puntos forestais no municipio apareceron con máis de vinte rodas cada un.
Iván Pérez advirte tamén de que o responsable da retirada destes residuos é o propietario da parcela, nalgúns casos persoas particulares e, noutros, as comunidades de montes.
Indica que a Mancomunidade de Montes de Pontevedra leva tempo denunciando esta situación, que se repite practicamente en todas as comunidades de montes con incidentes incontrolados para os que demanda unha solución.