A agrupación micolóxica naturalista 'Liboreiro' denuncia os estragos ocasionados na ruta sinalizada do río Frade, no termo municipal de Bueu, na que comprobaron que un bo tramo do sendeiro quedou practicamente intransitable.
A asociación pide ao Concello de Bueu que investigue quen foi o causante de dita desfeita no camiño e que se proceda ao seu arranxo para que poida ser practicable de novo o antes posible. Ademais, verían interesante que a concellería de medio ambiente supervise de cando en vez o estado dos roteiros que habilitou, para ver se están en condicións para o seu uso.
Segundo explican, eles decatáronse dos estragos o domingo 8 de marzo. A asociación organizou unha saída naturalista para a observación e fotografía de cogomelos e escolleu o río Frade. Ao chegar a un cruzamento de camiños, os participantes na actividade atoparon "unha verdadeira desfeita" producida presuntamente por un tractor de grandes dimensións.
Os estragos provocaban, segundo sinalan, que para poder seguir ata a cruz de Ermelo tiveran que enterrar as botas totalmente. As fendas provocadas polas rodas tiñan entre 30 e 40 centímetros de profundidade e nalgún caso ían de lado a lado do camiño, polo que lles foi imposible seguir e tiveron que dar volta.