Denuncian unha agresión ao persoal do centro de saúde Virxe Peregrina

Pontevedra
14 de setembro 2024

O incidente, segundo explica a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, tivo lugar na tarde deste venres 13 de setembro provocando a suspensión da actividade asistencial e obrigando durante varias horas a derivar os pacientes ao centro de saúde da Parda

Episodio de violencia contra o persoal asistencial no centro de saúde Virxe Peregrina
Episodio de violencia contra o persoal asistencial no centro de saúde Virxe Peregrina / Área Sanitaria Pontevedra-O Salnés

Desagradable e grave situación a vivida na tarde deste venres 13 de setembro no centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra, onde o persoal do centro sufriu un novo episodio de violencia.

Segundo explica a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que avanza a súa intención de presentar unha denuncia ante as autoridades, a agresión sufrida provocou danos no centro sanitario e mesmo obrigou á suspensión durante unhas horas da actividade asistencial, tendo que ser derivados pacientes ao centro de saúde da Parda.

Todo sucedeu a última hora da tarde cando un home, que acompañaba a unha paciente, irrompeu en actitude violenta nunha consulta empuxando e golpeando o persoal asistencial.

O forcexo vivido chegou a provocar, ademais dos evidentes momentos de tensión, a rotura dunha porta de cristal que dá acceso ao terceiro andar do centro sanitario. Foi necesaria a intervención de varias dotacións policiais, sendo idenficado o responsable do altercado.

Non é a primeira vez que sucede un episodio similar. Por iso, avanza a Área Sanitaria, vai estudar o reforzo da seguridade neste centro de saúde.

"A seguridade do noso persoal está por encima de todo e non imos tolerar agresións, nin físicas nin verbais e tomaremos todas as medidas legais posibles. É intolerable e incomprensible que tanto pacientes como profesionais da Sanidade Pública teñan que sufrir estas situacións cíclicamente. De novo, lembramos que o persoal sanitario ten consideración de autoridade na nosa lexislación vixente e calquera tipo de agresión a leste colectivo será penalizada pola lei", defendeu tras a agresión o xerente da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores.